Site icon Crónica3.com A Mariña

A Aula Junior do Concello de Burela presentarase o vindeiro martes

Burela, 31 de agosto de 2013. A Concellería de Servizios Sociais presentará o vindeiro martes, 3 de setembro, ás 11 da mañá e ás 18 horas na Casa da Cultura o programa da Aula Junior para o curso 2013/14, destinado a familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos.

O departamento que dirixe Diana Durán envioulles aos pais e nais nos últimos días unha carta convidándoos a asistir a este acto e na que lembra que “dito espazo educativo foi posto en marcha a principios do presente ano, co fin de seguir dando cobertura ás familias de nenos e nenas, cumprindo co compromiso deste goberno local, que prioriza en todo momento os Servizos Sociais en todos os seus ámbitos”.

Aula Junior é un programa de carácter gratuíto, dirixido ás familias que teñen nenos e nenas de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos, “querendo así acompañarvos na vosa labor de educadores/as e axudarvos a resolver calquera dúbida que se vos presente na crianza dos/as vosos/as fillos e fillas”.

Na carta enviada ás nais e pais a concelleira de Servizos Sociais explica que “tanto se o voso fillo ou filla asisten á escola infantil como se non, podedes participar, xa que é un programa de formación de nais e pais. Ademais, este ano, como o curso anterior, caracterízase por ser un programa semanal (mañá ou tarde) e nestas reunións a vosa presenza é vital, desenvolvendo actividades axeitadas a cada idade, nas que o obxectivo é difundir unha cultura da infancia e reforzar a competencia educativa familiar, promovendo espazos educativos nos que se acompaña á familia na aventura de medrar e no desafía de educar. Aula Junior terá continuidade durante todo o curso 2013/2014, agás na época estival, é dicir, levarase a cabo dende setembro a maio”.

A presentación da Aula Junior terá lugar o vindeiro martes, 3 de setembro. Durán subliña que “xa alí, na Casa da Cultura, os interesados poderán facer entrega ese mesmo día da folla de inscrición que aparece no reverso da carta que lles remitimos estes días. En caso de non poder asistir a ningunha das reunións e de estar interesado/a en participar no programa, poden deixar a folla de inscrición nas Oficinas de Información do Concello”.

A edil popular lembrou a grande participación que rexistrou o ano pasado a Aula Junior á que acudiron 70 familias.

Exit mobile version