Site icon Crónica3.com A Mariña

A Banda de Música Municipal de Foz ofrece un concerto especial polo seu 20 aniversario

Foz, 3 de agosto de 2013. A Banda de Música Municipal de Foz cumpre 20 anos e ACIA Foz, que tamén está de aniversario neste 2013, quere estar cos músicos focenses nesta importante celebración.

A Banda de Música Municipal de Foz ofrecerá un concerto especial coa participación de antigos compoñentes da formación o vindeiro venres, 9 de agosto, a partires das 20:30 horas no patio do colexio nº 1. Ao seu fronte estará Arcadio Mon. O acto conta coa colaboración da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos e do Concello focense.

Desde a directiva de ACIA Foz animan á xente a asistir a este concerto no que se fará un repaso dos temas que ao longo dos seus vinte anos de vida interpretou a Banda de Música Municipal de Foz e outros preparados para conmemorar este aniversario.

Feira multisectorial
A Asociación de Comerciantes de Foz ultima estes días os preparativos da Feira de Mostras Multisectorial que se celebrará do 22 ao 25 de agosto na explanada portuaria. O espazo destinado aos expositores está ocupado practicamente ao 100%, segundo os últimos datos facilitados pola organización. “Agora toca ultimar todos os detalles para que a feira salga o mellor posible e sexa un aliciente tanto para as firmas comerciais coma para os visitantes”, apuntan desde a directiva de ACIA Foz.

Exit mobile version