Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aprobou a adquisición de novo equipamento enerxético para os edificios municipais do Valadouro

xunta goberno 02-08-13 025A Xunta de Goberno deste venres aprobou a adquisición de novo equipamento enerxético para Rábade, A Pontenova, Baralla e O Valadouro, sendo o 3º acordo marco para a contratación conxunta de servizos municipais que pon en marcha a Deputación dentro da súa aposta pola racionalización e optimización do gasto público para aforrar custes ós Concellos. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou que “son 2.545 os compoñentes enerxéticos, por exemplo lámpadas LED ou válvulas termostáticas, que instalaremos gratis nos alumeados públicos ou edificios municipais de ditas entidades locais, reducindo as facturas enerxéticas destes catro Concellos en 40.000 euros ó ano”.

Levarán 597 novos compoñentes enerxéticos á Casa Consistorial e ó CEIP Otero Pedrayo de Rábade; 1.017 ó alumeado público, ó Consistorio, e á Casa da Cultura da Pontenova; 361 ó alumeado público e ó Consistorio de Baralla; e 570 ó centro sociocultural Manuel Lourenzo, alumeado público e Consistorio do Valadouro.

A distribución deste material enerxético é froito do resultado das auditorías enerxéticas que a Deputación realizou a custe cero nos 37 Concellos do Club dos Renovables que de xeito voluntario decidiron sumarse a esta iniciativa, aforrando a cada entidade local os 10.000 euros que custan no mercado estes traballos ó asumilos dende a Axencia Provincial da Enerxía.

120.000 euros de aforro
Martínez explicou que “en base a estes traballos, puxemos en marcha, polo de agora, 3 acordos marcos, que nos permitiron contratar de xeito conxunto compoñentes enerxéticos para Abadín, A Fonsagrada e O Incio; Cervantes, Pol e Samos; e hoxe Rábade, A Pontenova, Baralla e O Valadouro. Nas vindeiras semanas, iniciaremos a instalación deste material, que permitirá unha redución anual nos gastos enerxéticos destes 10 Concellos de 120.000 euros”.

Paralelamente, a institución aprobará novos acordos marcos, para a adquisición conxunta de máis subministros eléctricos para os restantes 27 municipios adheridos a este proxecto. Estes son os seguintes: Quiroga, Negueira de Muñiz, A Pobra do Brollón, Monterroso, O Vicedo, Ribadeo, Palas de Rei, Sober, Portomarín, Láncara, Xove, Barreiros, Navia de Suarna, Riotorto, Pedrafita, Guitiriz, A Pastoriza, Castroverde, Becerreá, Ribas de Sil, Guntín, Friol, Meira, Sarria, Trabada, Monforte de Lemos e Viveiro.

Exit mobile version