Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo inviste en deporte máis que calquera outra Deputación peninsular

veiga-xuntagobernoLugo, 2 de agosto de 2013. Este venres, na rolda de prensa trala Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, o vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, informou da aprobación da resolución das axudas en concorrencia competitiva para o financiamento de actividade deportiva de clubs e concellos lucenses polos que a Área de Deporte da Deputación investirá 630.000 euros e, deles, 500.000 van directamente a equipos e clubs deportivos e 130.000 van destinados a colaborar cos concellos.

Antonio Veiga indicou que “mantemos o mesmo orzamento e todas as liñas de axudas que o ano pasado polo compromiso co apoio ao deporte de base e á dinamización da actividade deportiva desde abaixo. Non é casualidade que desde o ano 2008, coa nosa entrada no goberno, a Deputación de Lugo sexa das Deputacións do Estado que máis diñeiro inviste en deporte por habitante, só superada polos cabildos insulares e Guipúscoa, que contan cun réxime fiscal diferente. Isto contrasta coa política doutras administracións que reducen drasticamente os seus investimentos en deporte, como fai a Xunta de Galiza saltando convocatorias de axudas dun ano a outro, co que están a enganar aos clubs galegos, resolvendo en 2013 unhas axudas para financiar a anualidade 2012, co que sempre deberán un ano aos clubs”.

Veiga lembrou que “coa entrada do BNG no goberno da Deputación, o investimento en deporte medrou un 25% desde o 2008. Cremos no deporte desde a base e nesta liña centramos o noso apoio, sen descoidar aos nosos deportistas profesionais. Nunha época de forte caída dos investimentos das institucións en materia deportiva, case todas as administracións locais que gobernan con sensatez están a tentar que sexa a base do deporte a que menos se resinta, posto que carece en moitos casos doutros medios para lograr levar a cabo a súa promoción deportiva”.

“Non é casual –insistiu Veiga- que a Vicepresidencia da Deputación invista máis que o executivo autonómico no deporte de base. Entendemos que o deporte de base é un dos piares do benestar dunha sociedade e por iso tratamos de poñer os cimentos desde abaixo, apoiando a todos os clubs e asociacións deportivas que promoven a actividade física e deportiva nas comarcas lucenses”.

Exit mobile version