Tal e como afirmou Antonio Veiga, “mantemos o mesmo orzamento e todas as liñas de axudas que o ano pasado polo compromiso co apoio ao deporte de base e á dinamización da actividade deportiva desde abaixo. Non é casualidade que desde o ano 2008, coa nosa entrada no goberno, a Deputación de Lugo sexa das Deputacións do Estado que máis diñeiro inviste en deporte por habitante, só superada polos cabildos insulares e Guipúscoa, que contan cun réxime fiscal diferente. Isto contrasta coa política doutras administracións que reducen drasticamente os seus investimentos en deporte, como fai a Xunta de Galiza saltando convocatorias de axudas dun ano a outro”.
Veiga reafirmou que “con estas axudas democratizamos o deporte de base, todos os equipos e agrupacións deportivas da provincia poden beneficiarse destas axudas, tanto para a organización de actividades deportivas de natureza competitiva ou non competitiva e levar a cabo eventos deportivos. É fundamental que todas as persoas teñan acceso ao deporte independentemente da modalidade que sexa”.
O vicepresidente da Deputación entrou a definir a resolución das axudas que se aprobará mañá de xeito definitivo en Xunta de Goberno. Desta maneira, o número de solicitudes de axudas recibido este ano por parte de asociacións e clubs deportivos sitúase nunha cifra practicamente igual que a do ano pasado, 578, ao igual que acontece coas solicitudes por parte dos concellos lucenses que chega ás 111.
Para actividade deportiva competitiva (organizada en competicións) concédense 236 axudas por un importe de 289.200 euros. Para actividades deportivas non competitivas concedéronse 141 axudas por un importe de 101.250 euros, e para a organización de eventos deportivos 162 axudas dotadas cun total de 109.550 euros. En total son 539 axudas que se reparten os 500.000 euros totais.
Pola banda das axudas aos concellos, para o financiamento de gastos correntes derivados da organización de actividades deportivas concedéronse 47 subvencións por un importe de 42.700 euros e para a organización de eventos deportivos puntuais concedéronse 10 cunha cantidade de 7.300 euros. Para axudas á realización de investimentos en instalacións deportivas concedéronse 37 axudas que contan con 59.500 euros e, finalmente, para a adquisición de material ou equipamento deportivo concedéronse 17 axudas cun orzamento de 20.500 euros.