Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación investiu máis de 2.300.000 euros en obras de acondicionamento do medio rural

Alvaro Santos. Balance dos plans.O Deputado de cooperación cos concellos, Álvaro Santos, fixo este luns, no salón de actos da Deputación, un balance sobre as obra de melloras do rural que a Deputación de Lugo levou a cabo neste último ano. O organismo provincial continúa na súa liña de axuda ó rural e investiu na convocatoria pasada mais de 2.300.000 euros en obras de mellora de espazos nas vilas e concellos máis rurais da provincia. Esta partida, que está reflexada nos orzamentos da institución, responde ós plans de Axudas ó medio rural, que conta con 300.000 euros, e o Plan de Comunidades Veciñais, con máis de 2 millóns.

O primeiro proxecto é o Plan de Axudas ó medio rural que conta con ata 300.000 euros, asumidos na súa totalidade polo ente provincial e que van dirixidos a asociacións de veciños e gandeiros para levar a cabo obras de acondicionamento nos núcleos máis rurais da provincia. Este ano foron 59 asociacións de 48 concellos diferentes as que desfrutaron destas axudas dirixidas a mellorar accesos rurais e explotacións, acondicionamentos de fontes e cercados de pastizais, puntos de recollida de plástico e tamén para a construción de curros para o gando. O custe destas obras, que ascende a 300.000 euros, é asumido integramente polo organismo provincial quen xa inclúe esta partida económica nos seus presupostos anuais. “A Deputación considerou errada a decisión dos Gobernos do Estado e da Xunta de retirar as axudas ós espazos máis rurais xa que estes proxectos de acondicionamento cumpren, entre moitas outras funcións, a de frear do éxodo rural, un aspecto moi preocupante dada a situación da maior parte dos concellos da comarca” valorou o Deputado de cooperación.

Estado actual do Plan
Polo momento, está finalizado o 94 % das obras. O prazo máximo para a finalizacións das mesmas finaliza, despois de ser ampliado, o 30 de agosto. As asociacións deberán presentar posteriormente os informes onde se xustifiquen os gastos das obras realizadas. Deste xeito a unidade tramitadora valorará cales foron as obras e o seu custe, para ser aboados o antes posibles. A institución ofrecerá un máximo de 6.000 euros por asociación, valorando en cada caso cal foi a inversión real nos procesos de mellora de infraestruturas. O 45.7 % das obras realizadas son acondicionamento de camiños e cunetas, que melloran de xeito significativo a calidade de vida da xente pois facilita o acceso ás zonas máis rurais. A canalización de auga é outra das obra máis realizadas acadando o 18 % do total. Na pasada convocatoria estas axudas supuxeron a realización de 120 obras en núcleos rurais de 47 concellos, dando emprego a unha media de 300 persoas.

Álvaro Santos non deixou pasar a oportunidade sen salientar que “A Deputación é o organismo institucional de todo o estado que máis cartos inviste por persoa ó ano, o que demostra o forte compromiso da entidade provincial coas veciñas e veciños da comarca lucense”.

Plan de Comunidades Veciñais
O Plan de Comunidades Veciñais é outro dos programas de acondicionamento de espazos e servizos que propón a Deputación de Lugo. Esta iniciativa está deseñada para entidades asociativas de 67 Concellos da provincia e que lles permite executar máis de 200 obras de mellora e dotación de servizos e equipamentos públicos. Este plan conta cun presuposto de 2 millóns de euros que están reflexados nos orzamentos do organismo provincial. O ano pasado acolléronse a este plan 230 particulares e asociacións de toda a provincia que realizaron proxectos que van dende a dotación de mobiliario para locais sociais ata o acondicionamento do firme en núcleos rurais, pasando polo adecentamento de zonas de uso común para os veciños. Están tramitados máis do 94 % dos expedientes quedando pendentes de xustificación 12 obras por mor das licencias. En total xa foron abonados máis do 98 % dos expedientes presentados.

As subvencións cobren o 100% das obras e a súa contía varía dende os 1.700 euros ata os 12.000. A Xunta de Goberno ven de aprobar o plan para este 2013 que mantén o orzamento de 2 millóns de euros a pesar da crise. Nesta ocasión se realizarán 243 actuacións en todos os concellos da provincia.

Obxetivos da Deputación
A Deputación de Lugo, a través dos seus proxectos de acondicionamento, pretende mellorar as infraestruturas do rural ó tempo que liberar ós gandeiros e veciños dos custes destas obras. Fundamentalmente pódese dicir que a finalidade dos programas responden a 3 funcións ben definidas:

1.- Impulsar o sector primario: a situación deste sector na provincia de Lugo está en perigo e logo das subidas do IVE, os custes destas obras prexudicarían gravemente os orzamentos dos gandeiros e agricultores. A través destas iniciativas, o organismo provincial, libera ós traballadores destes custes, facilitándolle así o traballo e brindándolle a posibilidade de que destinen máis recursos a esta actividade comercial, un dos motores económicos da comarca lucense.

2-. Combater a taxa de paro: a provincia empezou o ano 2013 con preto de 30.000 parados, 2.500 máis que no ano anterior. Estas obras de acondicionamento contribúen a manter postos de traballo, posto que son os autónomos e as Pemes da comarca as encargadas de acometer as obras.

3-. Frear o despoboamento do rural: O éxodo rural é constante. No 40 % dos municipios hai moitos máis homes que mulleres e nenos, o que fai perigar a existencia dos Concellos. Os plans o que buscan é mellorar a calidade de vida dos lucenses, sobre todo de aqueles que viven nas zonas máis rurais da provincia para tentar evitar estes fluxos migratorios.

Exit mobile version