Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pontenova acolle esta fin de semana a sétima cita da tempada no Campionato Galego de Montaña 2013

A Escudería A Pontenova presentou a segunda edición da proba nun acto celebrado este 22 de agosto no Salón de Actos da Casa da Cultura da Pontenova.

A II Subida A Pontenova busca neste 2013 consolidarse como unha das máis atractivas dentro do panorama galego, contando adicionalmente coa presenza dos dous principais candidatos ao título rexional en 2013, Sergio Varela e César Rodríguez, que dirimirán en terras lucenses unha nova batalla en pos de suceder a Toño Varela como Campión Galego da Especialidade.

Acompañado polo Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero (máis coñecido no ámbito deportivo como Manolo Cadramón) e por Francisco Fernández en representación do Concello de A Pontenova, o presidente da Escudería, Manuel Díaz, resaltaba poder superar a trintena de inscritos nesta segunda edición da proba. Así mesmo auguraba “un excelente espectáculo para todos aqueles afeccionados que se despracen á proba, posto que dentro dos 33 inscritos cos que contamos, aos máis destacados especialistas de Galicia uníronse algúns vidos de Asturias dada a proximidade xeográfica e o atractivo do trazado”. Ademais, “contamos cun importante número de pilotos locais que a bo seguro raiarán a un bo nivel diante dos seus familiares e amigos”. O dirixente da entidade organizadora quixo recalcar tamén “o apoio prestado polas institucións como a Delegación Provincial da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e especialmente o Concello de A Pontenova, así como todos os patrocinadores e colaboradores que fixeron posible que a 2ª Subida A Pontenova sexa unha realidade”.

Pola súa parte, tanto Francisco Fernández como Manuel Otero, resaltaron o enorme esforzo realizado por todo o equipo humano da Escudería A Pontenova, destacando a capacidade de traballo mostrada ao asumir todas as responsabilidades organizativas por primeira vez, á par que desexaron a exitosa continuidade da proba durante moitas máis edicións.

Se ben a competición non comenzará na estrada LU-4803, ata as 16:00horas do sábado 24 de agosto e as 10:00 horas do domingo 25, todos os afeccionados que se despracen á Pontenova poderán disfrutar dende as 09:30 da mañá do sábado dos vehículos nas verificacións e o Parque Cerrado sito na Praza dos Fornos así como na zona destinada aos equipos de asistencia, ubicada na Rúa da Feira do municipio. Ademais, a Escudería A Pontenova porá a disposición de todos os afeccionados un autobús gratuíto grazas ao que poderán desprazarse por todo o percorrido nas distintas mangas de competición.

Exit mobile version