Site icon Crónica3.com A Mariña

Acto de recoñecemento a Jesús Fernández cobelo e Guillermo Carballo Porta no Vicedo

O Salón de Plenos do Concello do Vicedo acollerá ás 12 do mediodía do mércores, día 21 de agosto, un emotivo encontro de carácter cultural no que participará unha representación da corporación municipal cos familiares do poeta Guillermo Carballo Porta e do empresario Jesús Fernández Cobelo, ambos xa falecidos e cuxos restos repousan no cemiterio da parroquia de Santo Estevo do Val.

Despois dun traballo de estudo documental realizado polo técnico de cultura do Vicedo, José Antonio Quelle, os familiares destas dúas personalidades -María, Ángeles e Ramón Carballo Antón, residentes en Barcelona e asiduos veraneantes no Vicedo- realizarán a entrega á Casa da Cultura e ás forzas políticas representadas na corporación dun opúsculo que recolle unha breve presentación biográfica das figuras agora recordadas así como unha mostra panorámica das súas respectivas obras.

Trátase dun primeiro contacto formal entre a familia propietaria desta documentación de interese histórico e a corporación municipal do Vicedo e confíase en que no futuro facilite que se poda disponibilizar ao público na Casa da Cultura da localidade.

A localización do legado de Guillermo Carballo e Jesús Fernández Cobelo foi realizada pola investigadora local Aida López Vale, que promoveu unha recompilación documental nas parroquias do Vicedo e que coordinou unha exposición titulada “Palabras para o recordo”, que estivo aberta na Igrexa de Santo Estevo durante o mes de febreiro do pasado ano.

Exit mobile version