Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA denuncia no SEPRONA as obras do complexo ‘Remior Playa Residencial’ e pide a súa paralización

ADEGA denuncia que “no modelo urbanístico que o Sr Alcalde e a arquitecta municipal promocionaron en Barreiros a partir do 2006 (e ata a explosión de toda esa burbulla especulativa), o complexo urbanístico “REMIOR PLAYA RESIDENCIAL”, promovido por PARQUE EMPRESARIAL MELIDE, constitúe todo un manual para expertos en corrupción e prevaricación urbanística”.

Polo tanto, veñen de presentar unha denuncia ante o SEPRONA pedindo a súa paralización:

“Sobre un solo plenamente rústico onde aínda hoxe poden verse as vacas pastando, sen contar con servizos urbanísticos de ningún tipo, ao amparo dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal fora de aplicación dende xaneiro do 2006, o concello de Barreiros, con data do 18 de Outubro do 2006, outórgalle á promotora PARQUE EMPRESARIAL MELIDE, do grupo PROQUINTAS, unha licenza para a construción de 54 vivendas en nove bloques de 7, 8, 8, 8, 10, 4, 3, 3 e 3 vivendas, en contra do informe da Secretaría Municipal quen, ademais de facer constar que o proxecto nin sequera cumpría coas normas subsidiarias de planeamento, volvía a insistir en que, -pasados os tres anos que a transitoria segunda da Lei, 9/2002 (LOUGA) daba aos concellos para a adaptación do seu planeamento municipal-, a lei pasaba a ser de aplicación directa e, polo mesmo, non podía haber licenza de edificación mentres a parcela non contase con accesos rodados e beirarrúas e cos servizos de abastecemento, saneamento, telecomunicacións con capacidade dabondo para atender as necesidades de tais vivendas:

-unha licenza ilegal por non axustarse ás disposicións da LOUGA (e tampouco ás das Normas Subsidiarias);
-unha licenza afectada polo Decreto 15/2007, de suspensión das normas subsidiarias de Barreiros, polo cal non se podía continuar a súa tramitación por corresponder á zona de San Bartolo na que expresamente se prohiben toda nova construción;
-unha licenza recorrida pola mesma Consellería ante a Xulgado do contencioso-administrativo (Procedemento Ordinario 245/07 do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Lugo) quen ordena a paralización cautelar das obras;
-unha licenza denunciada polo Ministerio Fiscal en vía penal, por posible delito de prevaricación urbanística (Dilixencias previas 2/2010, no Xulgado nº 1 de Mondoñedo);
-un recurso contencioso-administrativo do que, co cambio de Goberno na Xunta, a Consellería acorda desistir coa escusa da aprobación dun Plan Sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas de abastecemento, saneamento e rede viaria do Concello de Barreiros, a pesar de que a esta zona de San Bartolo non estar incluída dentro do Plan Sectorial;
-unhas obras que non se paralizan a pesar da sentenza 462/2013, de 6 de Xuño, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulando dito Plan Sectorial.

No futuro deste modelo urbanístico de Barreiros está en xogo moito máis que o que poda ser un problema de organización do territorio dun espazo municipal nun concello do litoral. Aquí está en xogo, sobre todo, a vixencia da legalidade, a vixencia do mesmo estado de Dereito:
-con que autoridade moral poden a Xunta e a Consellería perseguir ilegalidades urbanísticas moito menores cando en Barreiros se tratan de legalizar fraudulentamente por medio dun Plan Sectorial pagado por riba con fondos públicos, con cartos de todos?;
-con que autoridade moral pode a Consellería denunciar algunha ilegalidade urbanística cando en Barreiros a mesma Consellería desiste sen xustificación algunha e con sospeitosa discrecionalidade de recursos contenciosos presentados por ela mesma?.
-con que autoridade moral pode a APLU facer valer a lexislación urbanística fronte a irregularidades moito menores cando en Barreiros non é quen de ver infracción urbanística algunha?

Se a Lei é igual para todos, se a xustiza ha de aplicarse a todos por igual, o futuro do modelo urbanístico de Barreiros é xa hoxe, antes de nada, un problema de xustiza social que ningunha conciencia minimamente democrática pode consentir”.

Exit mobile version