Mónica Trastoy, Xosé M. Luque, Eva Cruz, Edurne Herrán, Paz Vicente, Cristóbal Tabares e Ro-Ro foron os artistas seleccionados para esta segunda residencia, que durante dúas semanas levaron a cabo as súas creacións, na propia sala de exposicións, convivindo nun proceso de creación dialogada a través dun taller conxunto e aberto.
Durante a súa intervención Antonio Veiga explicou que “coa posta en marcha deste programa a área de Cultura da Deputación ofrece unha plataforma artística para creadores de distinto carácter e de diversas disciplinas. En definitiva, un estudio aberto tanto para a sociedade como para outros artistas, así como críticos, comisarios e expertos neste eido”.
Estudio Aberto insírese dentro do macroproxecto Enredarte, unha iniciativa multidisciplinar, aberta que supón unha oportunidade tanto para novos creadores como para artistas xa consagrados, creando unha simbiose moi proveitosa. É un proxecto que abrangue cinco iniciativas que se desenvolven, durante este 2013, nos catro museos da Rede Museística, a Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos e o antigo Hospital de San Xosé.