Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga participou na inauguración da XXIX Feira do Bonito de Burela

Burela, 3 de agosto de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou, na tarde deste sábado, na inauguración da XXIX edición da Feira do Bonito de Burela, que se celebrou no porto da vila mariñá e na que se repartiron máis de 3.500 racións do produto. Paralelamente, celebrouse de xeito simultáneo como vén sendo habitual desde hai 11 anos, a Feira de Produtos artesanais e ecolóxicos, organizada pola fundación Expomar.

Durante a súa intervención, Veiga afirmou que “a Feira do Bonito de Burela ven sendo dende hai moitos anos unha das citas gastronómicas máis importantes da Mariña, un evento totalmente consolidado no que se dan cabida numerosos veciños e veciñas de Burela e arredores, e que se ten convertido nun dos principais reclamos turísticos do verán mariñán”.

O programa de actividades da feira do Bonito de Burela completouse co nomeamento do Asador Maior e da Colaboradora de Honra, a entrega de galardóns aos autores dos dous carteis da festa, a lectura do pregón, nesta ocasión a cargo de Herminia Pernas Oroza, doutora en Historia e profesora no IES Monte Castelo, seguido todo isto da degustación do bonito, cocido, asado ou en empanada, que se prolongou ata a noite cunha verbena.

“A celebración simultánea da Feira do Bonito de Burela, declarada de interese turístico galego, e Produart forma un tándem perfecto que fai de Burela unha das opcións máis atractivas para esta fin de semana do agosto”, concluíu o vicepresidente.

Exit mobile version