Lembro, as críticas e acusacións continuas do Partido Popular, ante a xestión municipal do goberno socialista no Porto Deportivo, xestión que non era boa, e que é evidente que había que mellorar. A decisión unilateral de Portos de Galicia de retirarlle a concesión ao Concello de Viveiro, sen ter en conta a opinión das veciñas e veciños, nin dos usuarios, levou consigo a aparición de casetas de obra, para atención a usuarios e visitantes, na zona de acceso ao porto.
Unha vez usurpado o edificio construído polo Concello de Viveiro para a Garda Civil do Mar, e destinado a edificio de servizos do Porto; novamente sen autorización das veciñas e veciños de Viveiro, nin do Concello, propietario do mesmo. Todo parecía indicar que por fin, as casetas de obra desaparecían para sempre.
Pero coa chegada do Naseiro, sufrimos o regreso do galpón, a todo luxo, con valado incluído, non sabemos moi ben para que, posto que ninguén nos informou sobre o tema, nin Portos nin o “Goberno Municipal”. Novamente, a imaxe da nosa cidade, se ve deteriorada pola acción dunha administración allea. A sensación de temporalidade e improvisación permanente sobre o Porto Deportivo, que debera ser unha referencia náutica no norte galego, supón un lastre para o desenrolo de Viveiro.
Portos de Galicia, quen autoriza esta instalación, co apoio silencioso do Partido Popular de Viveiro, xunto co constante despropósito que supón a situación de posguerra do muelle vello, continúa a facer un dano irreparable no noso Concello. É preciso, como xa reivindicou o Bloque Nacionalista Galego, un acordo de todos que poña fin a esta situación.
Nós, veciñas e veciños de Viveiro, non podemos mirar cara a outro lado, temos que esixir solucións, e demandar a retirada inmediata das casetas de obra do Porto Deportivo. Así o faremos.
Bernardo Fraga, portavoz municipal do BNG de Viveiro.