Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias aclara que a Xunta outorga axudas a todas as festas de interese turístico de Galicia

Lugo, 24 de agosto de 2013.- As críticas do goberno de Besteiro so poden estar fundadas ou na maldade ou no profundo descoñecemento da realidade; no DOG do 13 de maio de 2013 foi publicada a Resolución do 30 de abril de 2013 de Turismo de Galicia pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión ás festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

Ditas axudas se tramitaranse baixo o réxime de concorrencia non competitiva de xeito que todas as solicitudes recibidas serán atendidas sen que se produza comparación entre elas. A concesión unicamente vén determinada polo cumprimento por parte das entidades solicitantes dos requisitos establecidos na propia resolución publicada no DOG, sen que exista criterio discrecional algún para a súa concesión excepto que a festa conte coa declaración de interese turístico de Galicia e que os gastos subvencionables estean relacionados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas, material gravado referido á festa etc.

No caso de celebración de festas gastronómicas serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

Polo tanto non se pode pedir máis transparencia e universalidade, namentres Besteiro e os seus adláteres utilizan a mentira á mantenta para desviar a atención ós múltiples problemas que eles mesmos crean e que (polo que se desprende desta crítica) mantén inoperativa á Deputación de Lugo. A Delegada Territorial sinala que é hora de que Besteiro empece a gobernar a Deputación de Lugo, que deixe de mentirlle aos veciños de Lugo, que deixe de mirar para outro lado e que empece a mirar para todos os concellos por igual. No que se refire ás festas de interese turístico galego a nosa provincia podería recibir preto de 90.000 euros. Bótase de menos unha iniciativa similar na Deputación de Lugo que trate por igual a tódalas festas de interese turístico galego dos concellos da nosa provincia, independentemente da súa cor política.

A Delegada recorda que o prazo de presentación de solicitudes e xustificación remata o 30 de outubro de 2013, excepto para os eventos que se celebren con posterioridade a esta data, para os que a xustificación presentarase en todo caso antes do 31 de decembro de 2013, polo que os interesados aínda poden presentar a súa solicitude, “como é o caso do Concello de Lugo que aínda pode pedir a axuda que lle corresponde para o Arde Lucus” sinalou Raquel Arias. Ademais aclarou que, do mesmo xeito que as asociacións precisan do Acordo do Pleno do Concello para solicitar a declaración de festa de interese turístico de Galicia, tamén poden dirixirse aos seus concellos instando a presentación da solicitude de axuda.

Respecto as festas declaradas de interese turístico nacional e internacional, Turismo de Galicia vén colaborando con todos os concellos que o teñen solicitado, sen que a data de hoxe tampouco teña entrado solicitude do concello de Lugo para colaborar nas Festas de San Froilán.

A despreocupación de Besteiro é tan obvia que aínda hoxe descoñece que non existe a Consellería de Turismo e que en Galicia as funcións atribuídas á Xunta de Galicia están englobadas na Axencia de Turismo de Galicia.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, na súa disposición adicional cuarta, autoriza o Consello da Xunta de Galicia para a creación da Axencia de Turismo de Galicia, que terá como obxectivo básico impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade e a conservación e promoción dos camiños de Santiago.

Mediante o decreto 196/2012 do 27 de setembro procédese ao desenvolvemento da citada disposición adicional, creando a Axencia de Turismo de Galicia e regulando os aspectos referidos á organización e funcionamento da Axencia, a súa estrutura, o réxime do seu persoal, o seu réxime económico-financeiro e o seu réxime patrimonial e de contratación.

Así, a Axencia de Turismo de Galicia asumiu as competencias, recursos e medios materiais que lle corresponden na actualidade á Secretaría Xeral para o Turismo, aos servizos de Turismo nas xefaturas territoriais, á Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. e ao Consorcio Instituto de Estudos Turísticos. A Axencia de Turismo de Galicia asumiu tamén a tutela funcional da S.A. Xestión do Plan Xacobeo.

Polo tanto non existe a Consellería de Turismo á que se fai referencia; este descoñecemento da realidade, demostrado nesta crítica, é outra proba máis do abandono ó que somete Besteiro á provincia máis preocupado na súa propia carreira política que en colaborar para resolver os problemas da nosa provincia.

Exit mobile version