Site icon Crónica3.com A Mariña

Arredor de 100 mariñaos e mariñás organízanse para loitar contra as multas aos emigrantes retornados

Foz, 29 de agosto de 2013. Arredor dun cento de mariñaos e mariñás participaron na xornada de onte na Casa da Cultura de Foz nunha Asemblea convocada pola Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña co fin de informarse de como vai repercutir entre aqueles emigrantes que non chegan ao máximo legal para facer a declaración da renda a normativa que lles obriga a realizala, as accións a emprender para dar resposta a esta situación así como os primeiros pasos para formalizar este colectivo que nace co obxectivo de obrigar ao Goberno do Estado a retirar as sancións así como a condonar os pagos dos intereses de demora que a día de hoxe están a impor nas sancións que chegan aos emigrantes.

Os e as asembleístas que participaron da xuntanza de Foz atopábanse en diversa situación, xa que só unha pequena parte recibiron a día de hoxe as multas sancionadoras, unhas multas que se aplican conforme ao establecido no Art.27 da Lei Xeral Tributaria e que implica un aumento de preto 150% respecto da contía que se verían obrigado a pagar os pensionistas na declaración da renda. Ante esta situación e dada a falla de información existente a día de hoxe diante da comunidade dos emigrantes retornados sobre esta problemática, os asistentes acordaron convocar dunha novas asembleas informativas unha en Viveiro e outra en Ribadeo que pretende achegar información aos veciños da area occidental e oriental da Mariña, unha vez que a zona central foi cuberto por este primeiro acto de Foz. Na mesma liña o colectivo formalizará a xestora do colectivo con representantes de todos os Concellos unha vez rematada esta primeira quenda de asembleas.

Os afectados e as afectadas coincidiron na necesidade de agruparse e presionar ao goberno ao fin de que se proceda a modificar a actual normativa na liña das proposicións non de lei propostas pola totalidade das forzas da oposición no Congreso e nas que se propón a supresión dos intereses de demora e as eliminación das sancións que a día de hoxe afectan arredor de 30.000 persoas no noso País. Na nosa opinión consideramos unha autentica inxustiza que o mesmo Estado que nos obrigou a emigrar, o mesmo Estado que nos botou polo mundo adiante e se aproveitou das divisas do noso traballo nos multe agora impedindo resolver un erro provocado por eles, mentres promove amnistías fiscais para os ricos e os millonarios, entres algúns banqueiros que xa nos roubaron nas preferentes. Non temos a máis mínima dúbida de que estamos diante dunha estafa das dimensións da das preferentes onde mesmo se ten pretendido cobrar a persoas que morreron en 2009 ou 2010.

Na propia Asemblea, e dada a grande cantidade de dúbidas e casuísticas particulares que xurden, desde o colectivo decidiuse abrir unha conta de correo electrónico a fin de que aquelas persoas que queiran facer chegar as súas dúbidas para ser resoltas por un asesor fiscal poidan facelo. A conta de correo é emigrantes.retornados.amariña@gmail.com e desde alí darase resposta as dúbidas por parte dos fiscalistas do colectivo que deron a charla en Foz. Aínda así os emigrantes retornados son conscientes que a solución a súa problemática vai alén das consideracións que a día de hoxe fixa a lexislación de aplicación e a alternativa ao seu problema vai ser proporcional a capacidade que teñan para facer presión, primeiro agrupando a máis xente na Mariña e coordinándose cos colectivos que a día de hoxe funcionan no resto do país. Non temos dúbida algunha que como nos demostraron recentemente os preferentistas o único camiño é a loita, e pola vía da mobilización e da loita agardamos unha solución satisfatoria para os nosas demandas.

Exit mobile version