Trátase de pezas feitas a man polas 18 alumnas de ambos cursos, e que no caso da pintura demostraron as múltiples aplicacións posibles, tanto sobre tea como madeira ou cristal, á hora de decorar obxectos cotiáns e útiles como coxíns, botellas, utensilios de cociña, elementos decorativos, toallas, manteis, caixas de madeira ou paraugueiros. En canto á técnica de macramé, as alumnas elaboraron puntillas para toallas, panos, abanicos, ou tapetes entre outras pezas de roupa e complementos.
Na inauguración estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares así como a directiva da asociación, o alumnado e a profesora dos cursos. Villares destacou “a destreza da profesora e das participantes nos cursos, que coas mans conseguiron facer pezas únicas e auténticas obras de arte” e agradeceu á entidade “que dea continuidade no tempo a esta boa iniciativa” destacando tamén “o carácter de socialización” da actividade.
A mostra pódese visitar de luns a venres en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:30 a 20:30 horas na Casa da Cultura de San Cibrao.