Site icon Crónica3.com A Mariña

As obras de reorganización do tráfico na zona da praia da Rapadoira rematan coa colocación de bolardos nas rúas

020813 FOTO RÚA MARIÑEIRO CHILA (FOZ)Foz, 2 de agosto de 2013. Coa colocación de bolardos nas rúas este venres rematan os traballos de reorganización do tráfico na zona próxima á praia da Rapadoira, segundo ven de anunciar o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, quen destaca que esta actuación contribúe a mellorar a imaxe dese lugar.

O rexedor explicou que “no día de onte e hoxe estanse a rematar os traballos para a reorganización do tráfico nas zonas de Illa Nova, Mariñeiro Chila e Rego de Foz, moi próximas á praia da Rapadoira. Estanse a colocar os bolardos que separan as zonas de calzada e a peonil e que incrementan o dobre o espazo destinado aos peóns e ás terrazas”. Castiñeira considera que “estas obras veñen darlle un cambio de imaxe importante a todo ese entorno. Tamén coa entrada en vigor da normativa das terrazas esa zona quedará con outra estética distinta” e anunciou que “trataremos de traballar cos hostaleiros para que unifiquen criterios”.

O alcalde focense subliñou que “na dinámica do equipo de goberno está tratar de mellorar a imaxe do pobo de Foz con moi poucos medios, igual que se fixo na reorganización da zona portuaria ou nos xardíns da Rapadoira, que se atopan nun estado marabilloso, completamente diferente a como estaba nos últimos anos. Atópase cun céspede verde, cunha imaxe distinta a que se daba con anterioridade con comidas e tenderetes, algo que non lle gustaba a ninguén”.

Javier Castiñeira engadiu que na zona de Illa Nova “hai unha mellora no tráfico moi grande, con rúas de sentido único, cando antes eran de dobre sentido para a circulación e con aparcamento a ambos lados, co que os coches invadían practicamente a totalidade da calzada. Creo que se melloraron moitísimo estas zonas e así seguiremos a traballar: con moi pouco gasto, con enxeño e con creatividade melloraremos a imaxe de Foz, o que penso que desde logo se está a conseguir”.

Exit mobile version