Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro entrega 5.400 avais coa “determinación de liderar o PSdeG e convencido do proxecto coa forza da militancia”

José Ramón Gómez Besteiro, aspirante á secretaría xeral do PSdeG, entregou ás 17.00 horas desta tarde na sede do partido en Santiago 5.400 sinaturas que avalan a súa candidatura, a falta da fase de alegacións e da confirmación oficial. O socialista amosouse coa “absoluta determinación de liderar o partido, convencido deste proxecto e coa ansia de sumar e unir o PSdeG, que é o que desexa a maior parte da militancia, e coa forza de todo o aprendido nestes meses visitando agrupacións”.

“Quero agradecer estes 5.400 avais que teño a honra de entregar aquí, para min é unha satisfacción. Hai oito meses que manifestei a miña vontade de liderar o PSdeG diante da militancia de Lugo para facelo logo nos correspondentes órganos internos do partido, tanto no Comité Provincial como no Comité Nacional. Logo púxenme a percorrer toda Galicia para escoitar e expoñer a miña idea de partido e de Galicia. Hoxe estou con moita máis ilusión que cando empecei e reforzado polo apoio destes 5.400 militantes”, manifestou Gomez Besteiro.

Besteiro, que felicitou a Manel Vázquez por ter acadado tamén os avais necesarios para a consulta, expresou a súa alegría “pola militancia e sobre todo pola saúde democrática” do PSdeG. “Para que se fagan unha idea, conseguimos que a participación da militancia socialista neste proceso estea en cifras similares á participación das eleccións autonómicas do ano pasado” (63,9%), manifestou. Para Besteiro, que a militancia se teña involucrado desta maneira na recollida de avais demostra que hai gañas de construír un novo proxecto socialista., engadiu. “Deste debate interno xurdirá unha unidade máis forte no socialismo galego”, afirmou Besteiro, que destacou que o de hoxe é “un día grande para todos e para o PSdeG” que debe “ter como obxectivo pensar en Galicia e ser útiles á xente, porque o partido é un medio para transformar a sociedade”.

Exit mobile version