Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro propón “unha política enerxética e industrial que supere o curtopracismo” e critica a “manipulación” da dereita co naval

BESTEIRO NAVALJosé Ramón Gómez Besteiro, candidato á secretaría xeral do PSdeG, percorre nesta xornada diversos puntos da provincia da Coruña e de Ferrolterra para manter reunións cos compañeiros e compañeiras socialistas, entre elas unha con militantes traballadores do naval en Ferrol. O socialista reivindicou “a potencia industrial que foi no seu día esta zona e o potencial que seguen a ter Ferrolterra e Galicia”, que agora vén abaixo pola “total inexistencia dunha política enerxética e industrial” por parte da dereita. “Gustaríame criticar e falar sobre a poítica industrial e enerxética de Rajoy e Feijóo, pero non podo, porque non existe”, asegura Besteiro, que pide “superar o curtopracismo da dereita , a pura anécdota e a manipulación cando veñen tempos electorais, sen continuidade na estratexia”.

Gómez Besteiro lembrou datos como o 32% de paro na comarca de Ferrolterra, os 2.400 despidos polo peche de industrias vinculadas ao naval, o desmantelamento das industrias de componentes eólicos na comarca, con máis de 1.000 empregos perdidos en tres anos, ou as ameazas sobre o futuro doutras industrias tractoras como Endesa en As Pontes ou Megasa en Narón. Gómez Besteiro afondou no potencial de Galicia, e en particular de Ferrolterra, pola súa situación estratéxica. “Falta unha verdadeira política industrial que defenda a nosa posición estratéxica no mundo, e faltan proxectos con visión de futuro”, asegurou.

Política enerxética
Asimesmo, Besteiro destacou a urxencia dunha “política enerxética estable, que permita que as grandes empresas teñan un horizonte no que poidan establecer as súas liñas de competitividade, e non seguir dando bandazos na lexislación sobre enerxía”.

A Feijóo: “Acabáronse as vacacións, Galicia arde polos catro costados”
En referencia á vaga de incendios que está a vivir Galicia, e preguntado polo acto de inicio de curso da dereita, Besteiro reclamou responsabilidade. “Galicia está ardendo polos catro costados e o presidente da Xunta aínda se vai incorporar agora. Pido que se incorpore canto antes, de forma inminente, para que os galegos teñan a percepción de que, ante o que estamos a vivir, hai alguén ao fronte, porque é o que espera a xente”, afirmou. “Acabáronse as vacacións, xa non se pode estar de vacacións, hai que estar ao fronte e coordinando a política contraincendios”, engadiu, porque “a percepción do mes de agosto é de determinadas caminatas matutinas que non aportaban nada aos galegos”.

Asimesmo, avogou por superar “a eterna discusión de botarse a culpa mutuamente” cos lumes, e “poñerse a traballar a longo prazo e con altura de miras”. Hai que ser capaces “de construír”. Besteiro comprometeuse a “facer propostas en positivo” desde o PSdeG, pero reclamou que o goberno galego “se poña as pilas, porque é necesario que o atenda os problemas dos cidadáns, e non está pasando iso, non está dando ese exemplo” polo que pediu “seriedade, responsabilidade, coherencia e estar á altura das circunstancias”.

Exit mobile version