Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela aceptou en Pleno extraordinario a encomenda para xestionar o obradoiro de emprego ‘Sendas de Burela, Cervo e Xove’

Burela, 23 de agosto de 2013. O Concello aceptou a encomenda para xestionar o obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove e aprobou o convenio de colaboración marco correspondente. Foi na sesión plenaria extraordinaria celebrada na mañá deste venres na que tamén se deu o visto bo con carácter definitivo a ordenanza de conservación das vías forestais. O alcalde, José Mª González Barcia, criticou a postura mantida polo PSOE nestes dous asuntos.

No pleno extraordinario de hoxe adoptouse o acordo de aceptar a encomenda efectuada polos Concellos de Cervo e Xove ó Concello de Burela para levar a cabo a xestión do obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove. Así mesmo, aprobouse a proposta de convenio de colaboración marco para a encomenda de xestión do obradoiro de emprego.

Segundo o alcalde, José María González Barcia, “poder contar de novo cun obradoiro de emprego, aínda que sexa compartido, e unha boa noticia, xa que poderemos formar desempregados para facilitarlles a súa incorporación ó mercado laboral”. Por outra banda, Barcia afirmou que “a partires de agora profundizaremos na participación conxunta con estes Concellos noutros proxectos ou petición de subvencións”.

O número total de alumnos deste obradoiro será de 22; ademais, levarase a cabo a contratación de monitores e doutro persoal, a través dunha comisión mixta que se formará entre a Xunta e os Concellos. A data de inicio está prevista para o mes de outubro.

O rexedor criticou a actitude mantida polo PSOE: “o Partido Socialista abstívose cuns argumentos realmente lamentables e pouco entendibles. Se non houbera obradoiro de emprego íannos criticar, como o hai critican a forma na que se leva a cabo. O que menos lles interesa son as 22 persoas que se van formar; só lles importa criticar. Resulta un tanto curioso que o portavoz do Partido Socialista estea continuamente redimensionando e repensando e reorganizando as cousas, porque así pasou catro anos e ao final nesa etapa non se fixo nada en Burela. Polo tanto aquela crítica que desde o Partido Popular de Burela se fixo porque o Partido Socialista de Burela non rexeitaba as declaracións feitas no seu día polos deputados provinciais Lara Méndez e García Porto nas que criticaban claramente que Burela tivera un novo obradoiro de emprego segue vixente, porque o Partido Socialista de Burela está nesa liña: non ve con bos ollos que Burela conte cun novo obradoiro de emprego. E iso teñen que sabelo os parados e a maior parte dos veciños e veciñas deste concello. O Partido Socialista está a poñer sempre paus nas rodas para que non avancen”.

González Barcia engadiu que “a Deputación non se compromete absolutamente en nada. Nós pedímoslle ó Partido Socialista que lle faga chegar precisamente á Deputación a necesidade de redimensionar o Pacto Provincial polo Emprego e sacar outro Lugo Emprega, como por exemplo está facendo á Deputación de Pontevedra ou a da Coruña. Pero diso, evidentemente, non dixeron nada”.

O alcalde de Burela subliñou que “nosoutros cremos nos obradoiros de emprego, dun xeito ou doutro ten que habelos. Non vamos poñer cartos para ningún outro Concello, como pretendían dicir eles. Vamos aportar unha parte do financiamento do obradoiro do emprego, pero no que se refire exclusivamente para o Concello de Burela. E estamos bastante satisfeitos de que se nos teña concedido un novo obradoiro de emprego, porque vai permitir a formación de persoas que neste momento o están pasando moi mal, que precisan formación para poder insertarse laboralmente. E ese é o noso obxectivo”.

Na sesión plenaria de hoxe tamén se aprobou con carácter definitivo a ordenanza de conservación das vías forestais, ordenanza redactada dentro da Mancomunidade de Municipios da Mariña e que pretende garantir o bo estado e conservación das pistas forestais. O rexedor sinalou que “durante a súa exposición pública só se presentou unha alegación por parte dunha asociación da madeira, e atendendo a un informe da secretaría da Mancomunidade de Municipios da Mariña, aprobamos esta ordenanza sen ningún tipo de modificación” e subliñou que “o que fixemos foi seguir os criterios marcados nunha xuntanza mantida hai unhas semanas en Alfoz por parte dos Concellos que formamos parte da Mancomunidade”.

González Barcia criticou ao PSOE: “sorpréndenos a postura do PSOE de Burela, que no seu momento o seu representante na Mancomunidade apoiou a redacción desta ordenanza e agora resulta que se absteñen porque entenden que debería ser aprobada por todos os Concellos da provincia e eu entendo que isto é excesivo. Nós estamos a actuar con seriedade no sentido de que queremos facer respectar o noso patrimonio municipal e que non sexan os veciños de Burela os que se vexan gravados vía impostos pola conservación destas vías forestais”.

Exit mobile version