As pupilas de Quico Otero, coas ausencias de Lidia Mesías, Jozi e Marcela, perderon pola mínima na súa segunda cita da pretempada, ante o Ponte Ourense (2-3) no Memorial Celso Currás. O Burela FS non puido facer valer a súa vantaxe no marcador de 2-0, obra de Bea Mateos (minuto 8) e Claudia (14) no primeiro tramo do encontro. Antes de chegar ao descanso, Rosángela reduciu distancias (minuto 18) para as pontina. No segundo período, a finalización tivo sinatura ourensá, coa autoría das ex-laranxas Drica (22) e Souza (32).
Nas filas do Ponte, integraron o quinteto inicial Vane, Rosángela, Drica, Anita e Laura; tamén xogaron Souza, Jessica, Cris, Dana, María e Noemi. Polas laranxas saíron Patri, Claudia, Lara, Peque e Maite, con Bea Mateos, Paula e Silvia.
Copa Galicia
O Burela FS Pescados Rubén xa ten confirmado un dos enfrontamentos de Copa, na casa do Poio Pescamar FS, novel en Primeira. Será o mércores 4 de setembro, ás 20.00 horas. Tras a renuncia do Montiño Concello de Mos na Liga Galega, os grupos da cita autonómica quedarán do seguinte xeito: Ponte Ourense, Leis Pontevedra e Valdetires, no Grupo A; Burela FS, A Fervenza e Poio FS, no B; e Cidade das Burgas, Viaxes Amarelle, Fisober e Funeraria Apóstol, no C. Clasificaranse os campións de cada grupo e o segundo do C.