Site icon Crónica3.com A Mariña

Carta pública o PP de Ribadeo sobre a necesidade de protexer as Catedrais

Sabe moi ben o PP de Ribadeo o grande esforzo e boa disposición do grupo de goberno do concello ao propósito de dar cunha solución á insostible situación da falta de xestión do areal de As Catedrais e todo o seu entorno. De feito as e os veciños do municipio deben saber que foron varias as xuntanzas entre tódolos grupos para acordar unha postura común polo ben deste valioso e a súa vez tan fráxil espazo natural. Todos os grupos achegamos os nosos diferentes puntos de vista e aquelas ideas que entendemos mellores para a xestión e ordenación deste lugar. Fronte as boas verbas e achegas de interese presentadas e debatidas nestas xuntanzas polo grupo do PP, nun ton moi construtivo e de preocupación por dar coa fórmula de protección, e na que semellaba manterse ao marxe as ideas políticas de partido, a realidade fóra dese aparente marco de colaboración é que o PP dinamita exteriormente ese clima de entendemento, coincidindo cando somos capaces de dar pasos axeitados no bo camiño e se coloca un novo chanzo de consenso pola xestión sostible de As Catedrais. Queda á vista unha estratexia baseada no absoluto enredo e enlodando a calquera posibilidade de éxito para protexer As catedrais. Nós entendemos que garantir o futuro de As Catedrais ten que ser un éxito común de Ribadeo, máis o PP entende que é prioritario desgastar calquera iniciativa do goberno local, aínda que sen ser exteriorizada poida chegar a ser compartida e incluso desexada.Mágoa que nestes momentos o futuro de As Catedrais quede supeditado a intereses espurios do PP, cando eles ben poderían facer forza para que a Xunta deixara dunha vez a súa política de abandono de xestión de As Catedrais co propósito de desgastar ao goberno local de Ribadeo.

Das xuntanzas realizadas nos últimos meses e da documentación xerada nas mesmas conclúese que para o espazo de As Catedrais e o seu entorno é preciso contar con instrumentos de xestión e ordenación. Con distintas palabras todos viñamos a defender o que xa o propio marco xurídico ambiental recolle para os Parques Naturais: a redacción dun Plan de Ordenación dos Recursos Naturais e o dun Plan Rector de Uso e Xestión que comprendera tamén, ademais, plasmar unha dotación orzamentaria. Se todos viñamos a pedir estes instrumentos, e se todos coincidiamos na magnificencia da costa de Ribadeo, e habendo xa diversas leis de protección da natureza no que a figura do Parque Natural resulta a fórmula máis acaída para o lugar, entón, por qué imos deixar de aspirar a tan distinguido recoñecemento e oportunidade. Esta figura non só pretende protexer e blindar o patrimonio natural, senón tamén recolle o deseño para xestionar o potencial económico que supoñen estas áreas.

Agora o PP de Ribadeo torpedea novamente esta posibilidade, e introduce argumentos falaces coma que a figura actual de Monumento Natural xa é suficiente e moito máis restritiva que a do Parque. Un claro propósito de enredar xa que nin é certo, nin dita figura permite solucionar a xestión das actividades que dentro do espazo se manteñen. Segundo a Unión Internacional de Conservación da Natureza, IUCN, organismo internacional referente en materia de determinar os criterios da ordenación dos espazos protexidos, os Parques considéranse, dentro das seis categorías de protección e manexo que fixan, no nivel II. Os Monumentos figuran nun nivel inferior, no que se rebaixan as esixencias ou fíxanse outras distintas, o III. Este matiz é importante, xa que na categoría II incorpóranse criterios específicos para proporcionar o marco de desenvolvemento de actividades de ocio, recreativas e turísticas, científicas e educativas, e compatibilizar aproveitamentos. A figura do Monumento concíbese para que dita área protexida sexa xestionada principalmente para a conservación das características naturais específicas do lugar. E As Catedrais precisamente necesita tamén de ser capaz de aproveitar todo o fluxo e potencial económico que é capaz de atraer, e isto só será posible na medida que sexamos capaces de estruturar un Parque Natural con tódalas garantías, e pra iso é necesario que a Xunta se involucre con toda a súa responsabilidade. Hai que desterrar a idea interesada de que os Parques Naturais non funcionan na Galiza, e senón que llo pregunten aos alcaldes do PP que gobernan o 95% dos Concellos galegos con superficie incluída en Parque Natural se estarían dispostos a renunciar, agora, a tal distinción.

Eu pediríalle o PP de Ribadeo que demandase aos seus compañeiros do PP que gobernan na Xunta que explicaran o abandono e falta de compromiso na xestión da Rede Natura 2000, o seu desentendemento das implicacións que supón o Monumento Natural e da Reserva da Biosfera que afectan a Ribadeo. Dende o ano 2010 As Catedrais debería estar declarada coma Zona de Especial Conservación, e contar cun plan de ordenación. E diso non hai nada. Incluso néganse investimentos propios para estas figuras de protección, tan importantes e necesarios, que non se sabe a onde van parar. Segundo os propios datos do Ministerio de de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, no seu informe “Marco de Acción Prioritaria para a Rede Natura 2000 en España”, pola que se recolle a “estimación das necesidades de financiación para a xestión da Rede Natura 2000”, de marzo de 2013, onde se recollen as cantidades de investimento anuais necesarias para ter unha Rede Natura 2000 con garantías de cumprir os seus obxectivos, para as cerca de novecentas hectáreas coas que conta Ribadeo resulta un cálculo dun mínimo de cento seis mil euros anuais dos que practicamente non chega un peso. Esta é a realidade da política da Xunta gobernada polo PP, tan só con esa inversión anual ben teríamos xestionado o grave deterioro ao que As Catedrais e todo o seu entorno queda exposto tódolos anos.

Entidades de referencia internacional, do eido público e privado, personalidades, científicos e especialistas destacan o inconmensurable valor natural da costa de Ribadeo. Centos de miles de turistas veñen a propósito atraídos por este museo natural. Outros lugares xeográficos con realidades semellantes xa veñen dende fai tempo xestionando dito patrimonio dunha maneira responsable e aproveitable, valéndose dos instrumentos legais deseñados precisamente para protexer e ordenar usos e aproveitamentos destes lugares. O Parque Natural dos valores xeomorfolóxicos de As Catedrais pasa hoxe por ser a única solución para poñer fin a unha situación que de manterse acabará degradando o espazo nun tempo menor do que moitos poidan pensar. Sumémonos todos e demandemos a implicación de tódalas administracións para acadar un Parque con tódalas garantías.

Fernando Suárez Barcia
Alcalde de Ribadeo

Exit mobile version