Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo participa nun intercambio de experiencias culturais e artísticas con concellos de Galicia e Portugal

programa_eixpressoesCervo, 22 de agosto de 2013.- As localidades de Cervo e San Cibrao recibirán os días 30 e 31 de agosto a visita de grupos e colectivos procedentes dos concellos pontevedreses de Vila de Cruces e Catoira así como do municipio portugués de Viana do Castelo, que ofrecerán representacións e espectáculos típicos das súas zonas. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Begoña Alonso, o presidente de Airiños do Xunco, Rafa Blas, a presidenta de Amigos da Maruxaina, Chus Méndez, e a tesoureira, María Teresa Rouco participaron hoxe na presentación da programación prevista para eses días.

En concreto, os actos comezarán o día 30 na praza do Souto de Cervo, coa exhibición dos xenerais de Merza (Vila de Cruces), ás 20:30 horas. Máis tarde, ás 22:00 horas, arrincará a Queima de Judas, unha representación orixinaria de Monserrate, en Viana do Castelo. O grupo de baile, cantareiras e gaiteiros de Airiños do Xunco animará a xornada. O día 31 os actos desenvolveranse na praza dos Campos de San Ciprián, onde haberá unha representación teatral baseada no desembarco viquingo de Catoira ás 20:30 horas, seguido do Auto da Floripes típico de Neves, en Viana do Castelo. Nesta ocasión a animación correrá a cargo do grupo de gaiteiros de San Cibrao.

Todas estas actividades forman parte dun programa máis amplo chamado Eixpressoes 2013, que naceu en 2011 a raíz do proxecto Viana do Castelo-Capital da Cultura do Eixo Atlántico e no que participan numerosos municipios de Galicia e Norte de Portugal que intercambian experiencias culturais e artísticas. Nesta terceira edición os actos concentráronse en tres vilas diferentes, como son Largo das Neves e Viana do Castelo, ambas en Portugal, e Cervo, a única localidade galega que se converte en punto de encontro do proxecto este ano.

No caso de Cervo, as asociacións Amigos da Maruxaina e Airiños do Xunco foron o nexo de unión con Eixpressoes 2013 e os organizadores das actividades que se desenvolven no municipio, e coas que tamén colaborou o Concello de Cervo. Pero ademais de recibir a visita destes grupos, ambas entidades estiveron xa en Portugal, ata onde levaron as súas representacións máis tradicionais. En concreto, Amigos da Maruxaina estivo no mes de xullo en Largo das Neves ofrecendo a representación do xuízo á Maruxaina así como a música dos gaiteiros de San Cibrao, mentres Airiños do Xunco levou a Queimada Popular a Viana do Castelo así como o baile e a música do grupo folclórico.

A edil de Cultura asegurou que o proxecto do Eixpressoes “es un marco ideal para compartir e intercambiar la riqueza cultural y artística de Galicia y el Norte de Portugal y favorecer las relaciones y el conocimiento mutuo entre ambas zonas”.

Exit mobile version