Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza a I Mostra de Coches Clásicos en Ribadeo

IMG_1377Ribadeo, 30 de agosto de 2013. Dende hoxe e ata o domingo poderá verse a I Mostra de Coches Clásicos no aparcadoiro do hotel O Cabazo, como complemento ao segundo Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos. Os que se acheguen á exposición observarán dende un Citroën 11 do 1947 ata un Renault 4L do 1990.

Na presentación da exposición estivo o presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, organizadora do Fórum e da Mostra, Álvaro Doural, que indicou que “a exposición vai estar aberta ata o domingo e creo que é unha experiencia moi interesante porque, ao final, coa colaboración de toda unha serie de veciños da Mariña que teñen vehículos dese tipo, púxose en marcha esta mostra”. Doural convidou a que “a xente visite a exposición e quero, dende logo, destacar a colaboración excepcional de Paco Roibás, un experto na materia que estes días que está de vacacións en Ribadeo e que estivo votando unha man, digamos que as dúas, para poder facer esta exposición”. O horario de visita á I Mostra de Coches Clásicos será o mesmo para os tres días, de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 20:00 horas pola tarde.

Paco Roibás, colaborador e afeccionado, explicou que “filtramos un pouco, porque podían ter vido moitos máis vehículos pero o que se buscou, o que me parecía lóxico, era que foran algúns moi representativos de épocas, de tendencias ou de temas incluso industriais”. Entre os vinte vehículos da mostra, Roibás dixo que “non sabería poñer unha prioridade, pero concretamente hai dous Citroën 11 que son moi famosos porque son dos primeiros en gran serie de tracción dianteira. Tamén hai un 600 N, que é das primeiras series que tiña o arranque por cable no medio, freaba na caixa de cambios, etcétera. Despois podemos ver dous escaravellos, que tamén forman parte da historia industrial de Europa, e algúns máis recentes pero que tamén tiveron o seu significado como por exemplo un Simca 1200 ou un 4L, que se fabricaron durante moitos anos e que foron unha proba de fiabilidade nos modelos”. Roibás engadiu que “tamén hai cousas un pouco estrañas, como un Mercedes que está moi ben restaurado e que é o primeiro que me encontro con seis prazas, porque ten autorizado un asento corrido, ou un magnífico Mehari, moi ben restaurado, que é un Citroën con base de dous cabalos pero absolutamente de plástico, unha creación para sitios cálidos, sobre todo para o mediterráneo, porque non se enferruxa e é un coche de mantemento moi barato. E despois, así máis significativos, hai un coche inglés moi difícil de ver e que ten o volante europeo, á esquerda, polo que se ve que é un modelo fabricado para mercados de condución pola dereita. Eu penso que hai modelos que a todos, sobre todo aos da miña idade e a moitos dos visitantes, vanlles recordar épocas da súa xuventude”.

Na mostra poden verse modelos de todo tipo e ano de fabricación, dende o Citroën 11 de 1947 ata outros máis recentes como o Renault 4L-Clan do 1990. Tamén contan con representación outros modelos menos coñecidos, como o Vauxhall Cresta PA do 1961, o Mehari do 1983 ou o Renault Alpine do 1985. Dos anos 50, por exemplo: 600 N, de 1959, o Mercedes 190D, do mesmo ano, ou o Renault 4/4, do 1956, entre outros. Os escaravellos contan con tres modelos de diferentes anos: 1968, 1972 e 1975.

Paco Roibás indicou que “os propietarios dos vehículos son case todos da Mariña. Menos tres de Bretoña, que viñeron xuntos, o resto son de máis ou menos cerca, de Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz… E se continua a tendencia para o ano que ven, haberá moitos máis e ó mellor máis afastados”.

A I Mostra de Coches Clásicos estará aberta nos xardíns do hotel O Cabazo ata o vindeiro domingo ás 20 horas.

Este mediodía rematou o II Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se veu celebrando desde o pasado venres e que reuniu a máis de 70 persoas en Ribadeo.

Exit mobile version