Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezou en Ribadeo o II Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos

280813 INAUGURACION FORUM APAGA 2  (1)Ribadeo, 28 de agosto de 2013. Setenta persoas participan desde hoxe ata o vindeiro venres, 30 de agosto, no II Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que se celebra en Ribadeo organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA).

O acto de inauguración tivo lugar ás nove e media desta mañá nas instalacións do hotel O Cabazo. Alí o presidente de APAGA, Álvaro Doural, subliñou “a importante colaboración das entidades, cada vez vemos que hai unha maior implicación da empresa privada, entidades que están moi interesadas neste tipo de actividades e en que este fórum se siga a manter aquí en Ribadeo. Xa digo, esa colaboración é unha colaboración máis ou menos grande, dependendo do volume da empresa, pero todas son verdadeiramente importantes. O fórum faise grazas á todo este tipo de empresas e institucións que nos axudan a poñer en marcha esta iniciativa”.

Doural engadiu que “o ano pasado tivemos como complemento ao primeiro fórum a exposición de vehículos eléctricos, de vehículos híbridos. Este ano, a partir do venres, haberá unha exposición de vehículos clásicos, esperamos que o tempo nos axude e que non haxa problemas do tema da choiva”.

O alcalde en funcións de Ribadeo, Vicente Castro, deulles a benvida aos asistentes ao II Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, e dixo que “estes segundos foros veñen sendo a continuidade das antigas xornadas de automoción que se celebraron no IES Porta da Auga ó longo de tantos anos”.

Castro animou á Asociación de Profesores de Automoción de Galicia “a seguir formando novos profesionais, a seguir adiante con estas xornadas técnicas nun sector que é clave na economía e sobre todo nunha economía tan tocada como a que temos agora mesmo, a seguir formando profesionais nun sector, como dicía, que é de constante renovación e innovación tecnolóxica. Desexarvos que estes días de fórum sexan rendibles e de proveito e, sobre todo, desexar continuidade a este fórum, que siga no tempo que é importante para o sector e para os profesionais desta comarca”.

Na inauguración tamén interviu Gelasio Garea, representante de Axa Seguros, que manifestou que “nos gusta colaborar onde podemos estar, no desenvolvemento e no avance de todo o que representa a parte de automoción, non se nos escapa de que, como grupo diverso que somos, a parte de automóbil e a parte de todo tipo de seguro de danos e demais, somos unha entidade a nivel mundial e polo tanto, forma parte tamén da nosa obriga o estar neste tipo de eventos, o estar tamén desenvolvendo, innovando e indo, como diría o outro, cos tempos”.

No II Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos analízanse estes días aspectos coma as novas arquitecturas eléctricas-electrónicas dos vehículos PSA, os sistemas Common Rail en Bosch, o cambio automático no 7G-DCT e a presentación da nova clase S de Mercedes-Benz España, born electric de BMW e a tecnoloxía dos neumáticos Pirelli. As ponencias son polas mañás e polas tardes haberá obradoiros sobre sistema e elementos de seguridade, equipos de soldadura Lincold, pulido de aceiro inoxidable, soldadura, sistemas multiplexados, climatización…

E o venres, 30 de agosto, ás 11:30 da mañá será inaugurada a I Mostra de Coches Clásicos que se poderá ver de xeito totalmente gratuíto nos xardíns do hotel O Cabazo ata o vindeiro domingo, 1 de setembro. Un evento organizado coma complemento ao fórum.

Exit mobile version