Site icon Crónica3.com A Mariña

Do 5 ó 7 de agosto a Casa da Cultura de Foz acolle as XVIII Xornadas de Historia Local

A Asoc. Cultural A Pomba do Arco presenta o programa das XVIII Xornadas de Historia Local de Foz.

20 anos da historia da Banda Municipal de Foz.
Luns 5 de agosto. 20.30 Salón de Actos da Casa da Cultura “Poeta Manuel María”. Foz.
Arcadio Mon, director da escola de municipal de música, realizará unha introdución histórica sobre o que foron estes 20 anos da banda. Posteriormente terá lugar un concerto que correrá da man da Big Band da Banda Municipal de Foz, conxunto formado por diferentes mozos membros da banda, e que interpretara diversos temas. A Pomba do Arco considera de orgullo e satisfacción para Foz que o noso concello volva a contar cunha banda de música posto que significa recuperar e dotar aos nosos concidadáns dunha cultura musical, xa que a única banda coa que contou Foz a maiores da actual foi a Banda de Martiz, banda existente en Vilaronte e que desapareceu en 1917.

Os castros do concello de Foz
Martes 6 de agosto. 20.30 Salón de Actos da Casa da Cultura “Poeta Manuel María”. Foz.
Conferencia que vai correr a cargo de Luís Cordeiro Maañón, arqueólogo e investigador focego que conta cun importante número de publicacións e traballos de campo na área de arqueoloxía, entre os que destacaríamos a escavación do Castro das Grovas en Ribadeo ou da Catedral de San Martiño de Mondoñedo. Recentemente presentou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento baixo o título “ Os castros costeiros na Mariña de Lugo”, traballo que significa un importante paso adiante na investigación da cultura e do período castrexo, porque nesta investigación aparecen novos castros que até a data eran descoñecidos e ficaban sen catalogar e este traballo explica perfectamente a sociedade, a forma de vida e o mundo castrexo como fenómeno complexo escapando da anécdota histórica.

A emigración focega a Catalunya
Mércores 7 de agosto. 20.30 Salón de Actos da Casa da Cultura “Poeta Manuel María”. Foz.
Mesa redonda na que van participar catro focegos que emigraron a esta nación peninsular e que nos comentarán a súa experiencia migratoria. Os catro focegos, dúas mulleres e dous homes, Julita da Pelola, Moncho de Pena, Pepé de Vilaronte e Ramona do Pedreiro darán conta do que significou a emigración na década dos sesenta a Catalunya, a maior oleada migratoria que viviu a nosa nación e tamén Foz. Lembrarán os días, os traballos, as penurias, os cambios no vivir e no facer dos emigrados nese momento. Esta mesa redonda ten un dobre obxectivo, o de achegar a toda a veciñanza un fenómeno relativamente recente pero tamén responde á intención que A Pomba do Arco ten de recuperala memoria da emigración focega a Europa. En posteriores anos pretender darlle continuidade a este tipo de mesas redondas pero xa con outras nacións como España, Euskadi, Suíza ou Inglaterra. Agarda esta asociación cultural que a maiores das persoas que participen na mesa contar entre o público con máis xente que viviu a experiencia migratoria a fin de aumentala información sobre este período.

A tradicional foto que acompaña o cartaz das xornadas de historia de 2013, unhas xornadas que como consecuencia da programación de San lourenzo víronse reducidas nun día, correspóndese cunha escola de nenas de Foz de 1912, escola situada na coñecida como “Casa do Preferente” e onde desenvolveu até fai poucos anos a súa actividade profesional como zapateiro “Angelín”. O cartaz á marxe de recoller o programa das xornadas, recolle os nomes das nenas que naquel tempo asistían a esta escola, a única de pícaras que funcionaba en todo o Concello, sendo a única alumna da mesma actualmente viva Dolores Escalera con máis de 104 anos.

Exit mobile version