Site icon Crónica3.com A Mariña

Economía e Industria e a Federación Galega de Comercio colaboran no impulso ás vendas e o emprendemento no sector

Santiago, 5 de agosto de 2013.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, presentaron este luns o novo acordo de colaboración mediante o cal a Xunta de Galicia, no seu impulso ao comercio galego como unha das actividades fundamentais para a reactivación económica, cooperará un ano máis coa Federación Galega de Comercio co obxectivo de desenvolver diversas actuacións encamiñadas á dinamización comercial das vilas galegas.

Este acordo de colaboración, para o cal o Goberno galego destina 450.000 euros e a Federación 50.000 euros, permite, entre outros aspectos, o mantemento do servizo da Federación para asesoramento e información aos comerciantes, no que este ano destaca, como novidade, o fomento do emprendemento. Así, a través deste gabinete de asistencia facilítase información sobre as posibilidades de negocio e os pasos necesarios a dar para abrir novos establecementos, fomentándose deste xeito o emprendemento no ámbito comercial.

Por outra banda, o convenio favorece a posta en marcha de distintas campañas de promoción e de dinamización do consumo nas vilas galegas, ao tempo que continuará impulsando o portal do comercio electrónico, comerciogalicia.es, unha plataforma posta en marcha en colaboración coa Federación e que permite que os establecementos de proximidade galegos combinen a súa actividade tradicional coa venda a través de internet nun escaparate conxunto.

Deste xeito, refórzase a aposta da Consellería de Economía e Industria polo venda on line, complementando ao programa para o fomento do comercio electrónico e a incorporación das tecnoloxías da información e a comunicación, que suma 500.000 euros para facilitar unha mellor atención ao público que repercute directamente nas vendas dos comerciantes.

Ambas actuacións enmárcase dentro da estratexia de impulso ao sector que desenvolve o Goberno galego, á que no que vai de ano se levan destinado 8,5 millóns de euros para impulsar o comercio de proximidade e a incentivación de vendas.

Nesta estratexia ten tamén especial importancia o impulso ao asociacionismo comercial, coa recente resolución de axudas por preto de 2 millóns de euros para o desenvolvemento de máis de 200 accións de dinamización nos centros comerciais abertos e as asociacións das prazas de abastos, ou a convocatoria de axudas por máis de 1,2 millóns de euros para apoiar o labor que desenvolven as federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal.

Exit mobile version