Site icon Crónica3.com A Mariña

Estoa apunta que “a Xunta négalle a Residencia a Riotorto ao opoñerse a concertar prazas”

O pleno da corporación de Riotorto defendeu maioritariamente a proposta acordada na Xunta de Portavoces celebrada o pasado mércores na que se solicitaba o seguinte:

1º) Solicitar da Conselleira de Traballo e Benestar unha xuntanza a fin de que o departamento que dirixe proceda a concertar 20 prazas na Residencia de Riotorto.

2º) Unha vez garantido por parte da Xunta de Galiza o concerto das 20 prazas proceder a formalizar a compra dos terreos para a Residencia de Riotorto e redactar o proxecto de obra da Residencia.

3º) Solucionado o recollido nos dous primeiros puntos poñer os terreos a disposición de SUPLUSA para licitar as obras.

A negativa do Partido Popular a demandar da Xunta de Galiza o concerto de prazas proposto polo Grupo de Goberno e que resultaba necesario para que a residencia entrase en funcionamento impediu chegar a un acordo sobre este tema tan sensible, acordo que nas últimas semanas demandou o alcalde do concello, ”hai cuestións que pola súa importancia temos a obriga de sacalas do debate partidista. O Partido Popular ó desmarcarse do consenso que este tema require evidenciou que a residencia para eles non é unha prioridade senón unha arma coa que facer política e incluso unha forza que en Riotorto xa superou todos os límites, hai temas cos que non pode xogar”.

Estoa afirmou que “é unha evidencia que o PP non quere que en Riotorto funcione unha residencia, aínda máis, xogan de monaguillos da Xunta situando ao noso concello en 2ª rexional. É obvio que non queren unha residencia porque para que en Riotorto funcione é necesario que a Xunta concerte prazas posto que en caso contrario a praza de cada usuario andaría arredor dos 2.000 euros, unha cantidade que de ningunha maneira poderían pagar os nosos pensionistas pola súa excesiva contía. É intolerable a negativa do PP a solicitar que a Xunta concerte prazas cando na totalidade das residencias abertas na comarca hai un cupo das mesmas nesa situación. Polo tanto opoñerse a concertalas e tanto como dicir que Riotorto non precisa residencia. E xa o que máis me doe persoalmente é que o PP utilice unha dobre vara de medir na que o concello de Riotorto e os seus veciños son os desprezados. Mentres no concello de Ribadeo a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e os dirixentes locais do PP prometen e comprometen o concerto de prazas, o PP de Riotorto négalle o mesmo ós seus veciños. Que se entere o PP, que se enteren os representantes do PP en Riotorto, non somos máis pero tampouco estamos dispostos a ser menos que os veciños de Ribadeo. É tristísimo que os populares de Riotorto non so dean por boa a discriminación do noso concello fronte a outros, neste caso Ribadeo, senón e o que aínda é máis grave, que sexan colaboradores activos deste agravio ós veciños de Riotorto”.

Xa por último Estoa indicou “é necesario pasar páxina da historia recente do que foi a xestión do PP en Riotorto, unha xestión que respondeu a defensa dos intereses persoais e ó despilfarro. É hora de rematar definitivamente co despilfarro do que son exemplos a área recreativa do Mazo da Fraga no que se investiron case tres millóns de euros sen ningún tipo planificación e de plan de viabilidade ou as Vivendas Comunitarias nas que se derrubaron catro vivendas recén construídas para facer esta dotación que hoxe é unha auténtica rémora económica para as arcas municipais e que o PP ata fai cinco minutos quería volver a derrubar para facer unha miniresidencia. En definitiva nós non estamos dispostos a recibir do Partido Popular leccións de de nada, aínda menos cando estamos a falar de políticas sociais”

Exit mobile version