Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia considera como enormemente satisfactoria e positiva a presenza do bonito de Burela no cátering da Volta Ciclista a España

280813 Foto Burela vuelta ciclista EspañaBurela, 28 de agosto de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, considera como enormemente satisfactoria e positiva a presenza do bonito de Burela no cátering da volta ciclista a España. O rexedor acudiu a Sober hoxe, á saída da etapa deste mércores, acompañado polo presidente da Confraría de Pescadores burelesa, Basilio Otero.

O rexedor dixo que “temos que considerar como enormemente satisfactoria e positiva a presenza do bonito de Burela no cátering da volta ciclista a España. Hoxe puidemos asistir á saída da volta en Sober e a verdade é que é realmente impresionante ver a cantidade de xente que se achegaba polos stands da asociación de hostalería da provincia de Lugo co lema de E para comer… Lugo co obxectivo de poder degustar o bonito do norte en distintas modalidades, presentado por distintos cociñeiros desta provincia. Reitero que hai que cualificar de éxito a presenza do bonito neste cátering, nesta volta ciclista a España, e tamén teño que dicir con toda sinceridade e con toda franqueza que foi o produto máis degustado, e con diferenza absoluta sobre os restantes, nos dous stands que como digo tiña a asociación de hostalería”.

Segundo sinalou José María González Barcia, “polos stands da asociación de hostalería de Galicia degustando o bonito de Burela pasou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o portavoz do grupo parlamentario popular no senado, José Manuel Barreiro; a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o propio subdelegado do goberno en Lugo, Ramón Carballo; o conselleiro de Economía, Francisco Conde; a directora xeral para o Turismo, Nava Castro; en definitiva, un elenco de personalidades e de deportistas, porque por alí pasou tamén, por exemplo, Fabián Cancellara e outros corredores do equipo Vacansoleil, que puideron degustar, como digo, un produto exquisitamente preparado”.

O alcalde de Burela fixo unha a valoración altamente positiva: “estivemos acompañados polo patrón maior da Confraría de Pescadores, Basilio Otero, e a verdade é que tanto el como eu saímos de Sober francamente contentos porque consideramos sumamente rendible esta achega que facemos ó cátering da volta ciclista a España, xestión, quero recordar, que se fixo en Fitur do ano 2012. Naquela edición de Fitur xestionouse a presenza do bonito do norte no cátering da volta ciclista a España. Estivo o ano pasado, volve a estar este ano e estou completamente seguro de que, para o ano que ven, o bonito do norte volverá estar presente na volta ciclista a España, co que iso representa de difusión do noso produto e co que iso representa tamén de difusión e divulgación do noso Concello para promovelo turisticamente”.

A volta ciclista a España move uns 2.000 vehículos e máis de 2.500 persoas, entre as que se atopan acreditados periodistas de todos os medios de comunicación deste país e dos lugares de procedencia dos corredores que disputan a proba.

Exit mobile version