Site icon Crónica3.com A Mariña

Haberá reunións para negociar melloras no plan de usos do porto burelés

Burela, 30 de agosto de 2013. O equipo de goberno manterá na segunda semana de setembro unha xuntanza coa Confraría de Pescadores, a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, Armadores de Burela e Portos de Galicia para analizar as posibles melloras formuladas ao plan de usos do porto burelés.

O alcalde, José Mª González Barcia, indicou que “posiblemente celebraremos con anterioridade un encontro entre o Concello e o sector pesqueiro para ultimar os detalles que comezamos a analizar na xuntanza mantida hai unhas semanas. Nesa primeira reunión abordamos aquelas cuestións que consideramos poderían axudar a mellorar o plan de usos do porto de Burela e agora queremos concretar e acabar de pulir as ideas que lle presentaremos a Portos de Galicia”.
O rexedor engadiu que “despois xa nese encontro con Portos, que agardamos celebrar na segunda semana de setembro, analizaremos as nosas propostas e veremos si eles entenden que poden axudar a mellorar o plan de usos do porto burelés”.

González Barcia lembrou que “o de Burela foi un dos primeiros plans de usos que se aprobou en Galicia. É un plan que ten unha importancia enorme para decidir logo todo aquilo que se pode instalar no porto”.

Exit mobile version