Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente anima aos bureleses a participar na campaña ‘Separemos ben, reciclaremos mellor’

Burela, 2 de agosto de 2013. A campaña Separemos ben, reciclaremos mellor, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama coa participación de Ecoembes e Sistemas Integrados de Xestión de Pilas ten coma obxectivo principal explicar aos veciños de Burela a importancia da reciclaxe e a necesidade de contar coa súa colaboración para que os beneficios que este reporta a nivel medio ambiental, económico e social sexan unha realidade en Galicia.

Na explanada portuaria burelesa instalarase mañá un vehículo adaptado que de 11 a 14 horas e de 17 a 19 horas ofrecerá información sobre os hábitos e comportamentos a poñer en marcha para posibilitar que a reciclaxe sexa unha realidade. Serán educadores especializados os que se encarguen de explicarlle á poboación todo o que precisan saber. Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, “os que así o desexen terán a oportunidade de consultar dúbidas, corrixir erros e incluso poñer a proba os seus coñecementos a través de enquisas deseñadas ad hoc. Os nenos, pola súa banda, poderán disfrutar dun xogo xigante de reciclaxe, un instrumento que lles permitirá divertirse e aprender os conceptos esenciais que deben ter en conta para realizar unha correcta separación do lixo nos seus fogares e na escola, así coma no tempo de lecer”.

Desde a Concellería de Medio Ambiente e desde a organización da campaña sinalan que “como produtores de lixo que somos, todos debemos asumir a nosa responsabilidade para que lonxe de ser unha ameaza e un problema medio ambiental de primeira magnitude, se converta nunha oportunidade para a protección do entorno, para o crecemento económico e para o benestar social. Do aparentemente inservible pódese chegar a obter un extraordinario rendemento si se xestiona de xeito eficaz e eficiente”. E engaden que “así o di Europa, que insiste en cualificar os residuos coma elementos con grande potencial desde todas as frontes. O reto non é outro que camiñar cara a denominada sociedade europea de reciclado, un concepto perfectamente asumido polos países máis avanzados e respectuosos co medio ambiente, cuxo modus operandi segue fielmente os preceptos normativos comunitarios, que dan comezo coa prevención e a redución, continuando coa reutilización, a reciclaxe e a valorización material e/ou enerxética da fracción resto, reservando o vertido, única e exclusivamente, para aqueles materiais que, dadas as súas características, non poden ser sometidos ás operacións anteriores”.

López Eijo fai unha chamada á participación na campaña Separemos ben, reciclaremos mellor, que este sábado estará en Burela.

Exit mobile version