Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela amósase satisfeito co compromiso do Conselleiro en relación ó acceso ó porto

OLYMPUS DIGITAL CAMERABurela, 27 de agosto de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, compareceu hoxe en rolda de prensa, xunto co seu equipo de goberno, para facer unha valoración do que onte lle anunciou en Santiago o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández: as obras do acceso ó porto burelés licitaranse no próximo ano 2014.

González Barcia considera que “o compromiso público do conselleiro de Medio Ambiente sobre esta obra é para estar satisfeitos, dado que é a plasmación do compromiso do goberno da Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo coa realización desta infraestrutura que tanto necesita o porto e o noso concello”.

O alcalde burelés lembrou os distintos momentos polos que pasou esta obra: “foi un goberno da Xunta do PP quen aprobou o proxecto; foi un goberno bipartito da Xunta quen a licitou, pero quen tamén a parou; foi un goberno da Xunta presidido por Núñez Feijóo quen tivo que comerse o marrón que se atopou e tivo que rescindir o contrato, pero tamén este mesmo goberno de Núñez Feijóo redactou e aprobou definitivamente un novo proxecto construtivo e será o goberno de Núñez Feijóo quen licite, comece e remate as obras do acceso ó porto de Burela conforme a ese novo proxecto”.

Barcia destacou a importancia da obra para Burela: “é unha obra estratéxica para o porto pero tamén para a vila”, afirmou. “É unha obra estratéxica para o porto porque facilitará a entrada e saída de distintas mercadorías e de peixe, axilizando e reducindo o tempo de acceso ó porto do transporte, e posibilitando no futuro o acceso ó corredor Barreiros-San Cibrao e por extensión ó corredor San Cibrao-Ferrol, pero fundamentalmente á autovía do Cantábrico, a A-8”.

No que se refire á vila no seu conxunto, o alcalde subliñou que “o acceso ó porto permitirá reducir de forma considerable o tráfico pesado polo casco urbano, co que gañaremos todos: os veciños, que deixarán de soportar ruídos e tráfico e mellorarán a súa calidade de vida, e o Concello, que terá que destinar menos fondos ó mantemento de certas rúas, polas que pasa o tráfico pesado”.

José María González Barcia indicou que “o goberno da Xunta, que preside Alberto Núñez Feijóo, é moi consciente da importancia desta infraestrutura, tanto é así que estaba no programa electoral co que o PP concorreu ás eleccións autonómicas de hai dez meses. Creo que é de agradecer que o Goberno da Xunta, na situación económica que estamos a vivir, asuma publicamente o compromiso con esta obra, porque isto demostra que para o 2014 haberá a dotación orzamentaria para licitar a obra e comezar e levar a cabo a súa execución”.

O alcalde tamén manifestou o seu desexo de que “deste xeito queden disipadas as dúbidas que algunhas persoas podían, lexitimamente, ter sobre a realización ou non desta obra. Un anuncio dun conselleiro, neste caso do conselleiro Agustín Hernández, é sempre algo serio e rigoroso. Por iso quero agradecerlle a Agustín Hernández o seu compromiso público na seguridade de que a súa palabra é lei: comigo sempre foi sincero e sempre me dixo as cousas con total claridade”.

Finalmente, Barcia indicou que “a partires de agora, o contacto coa Consellería será máis estreito, xa que logo da aprobación dos presupostos da Xunta para 2014 comezará todo o traballo de preparación da licitación da obra, posterior adxudicación e comezo da mesma”.

O importe que a Axencia Galega de Infraestruturas destinará á execución desta actuación é de 7.662.180 euros.

Exit mobile version