Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG chama aos mariñáns a rexeitar a posible agresión imperialista de EEUU contra Siria

A Mariña, 30 de agosto de 2013. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Mariña convoca a todos os veciños e veciñas da comarca á concentración que terá lugar o vindeiro luns, 2 de setembro, ás 20:30 horas, diante do Concello de Foz, co obxectivo de presionar a Estados Unidos para que desista da súa intención de utilizar a forza contra o pobo sirio e por así fin ao que os nacionalistas tacha de “bravuconada”.

O vicerrespondábel do BNG na Mariña, Xoán Antón Estúa, afirma que “non hai ningunha razón que xustifique o uso da forza contra Siria agás a mentira da que está a facer uso o Goberno de Obama insistindo na existencia de armas químicas cando, até o de agora, os inspectores de Nacións Unidas non confirmaron a súa existencia. Xa temos asistido á fabricación de mentiras para xustificar unha intervención militar, como foi no caso de Irak, e que constituíron un engano masivo a opinión pública sobre a existencia de armas de destrución masiva que nunca apareceron.”

Para os nacionalistas, “o Goberno estadounidense está a actuar ao estilo Bush; propondo unha agresión imperialista, totalmente ilegal e contraria ao dereito internacional. Non conta co beneplácito do Consello de Seguranza das Nacións Unidas nin ten o prace de ningún organismo internacional. Ademais, Estados Unidos non ten lexitimidade moral nin política para empregar a forza contra Siria; os argumentos que utiliza en defensa da democracia non son válidos, xa que ten acudido a eles para impor gobernos ditatoriais.”

O Bloque Nacionalista Galego amósase convencido de que esta intervención militar só se poderá parar coa presión do pobo, quen reclama unha saída pacífica a este conflito con Oriente Medio; conflito que ameaza ao conxunto da rexión e marca como obxectivo unha futura agresión contra Irán e, por conseguinte, apropiarse dos seus recursos petroleiros e continuar co cerco a países como Rusia e China.

Estúa fai un chamamento a todos mariñáns para que se manifesten en contra desta pretendida intervención militar. “Son tempos de paz, paremos a guerra imperialista.”

Exit mobile version