Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros preguntará no Pleno do luns polos avais dos promotores, a situación urbanística tras a sentenza do TSXG e a contratación de persoal

Barreiros, 3 de agosto de 2013. O Bloque Nacionalista Galego ten rexistrado no Concello de Barreiros numerosas preguntas a respecto de cuestións xurdidas nas últimas semanas e que lles fixeron chegar as veciñas e veciños de Barreiros.

Desde o BNG explican que “dado que nos últimos plenos, o Alcalde evitaba contestar as preguntas que se lle formulaban no punto de rogos e preguntas, deixándoas para o seguinte pleno; optamos por rexistralas previamente para que poidan levar elaboradas as respostas e as veciñas e veciños poidan coñecelas na celebración da sesión pública.” Os nacionalistas elixiron esta vía debido a que “moitas das preguntas que se realizan, se se deixan sen contestar ata dentro de dous meses, perden o seu sentido e, polo tanto, é imposíbel realizar oportunamente a labor da oposición.”

Os nacionalistas levarán ao pleno temas de actualidade como a situación na que queda o Concello tras a sentenza do TSXG que anula o Plan Sectorial, a elaboración do PXOM e a posibilidade económica do ente local para afrontar as obras que serían precisas segundo este documento ou a necesidade de coñecer as cifras dos avais presentados polos promotores e a súa efectiva realización.

Tamén preguntarán sobre cuestións que lles teñen achegado numerosas veciñas e veciños, como os criterios e procedementos seguidos para a contratación de persoal realizada recentemente ou a situación de camiños municipais sobre os que se realizan ou realizaron obras municipais.

Para o BNG é fundamental que desde a alcaldía se lle dea resposta a estas preguntas dun xeito concreto e exhaustivo, xa que, do contrario, estaría impedíndose a labor de control da oposición ao goberno municipal. Por esta razón, os nacionalistas rexistraron as preguntas “con tempo suficiente para que as respostas poidan ser dignas dun goberno e non se limiten a frases feitas ou afirmacións e negacións.”

Exit mobile version