Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia que o PP enganou aos mariñáns sobre a nova Lei de Augas

A Mariña, 29 de agosto de 2013. O vicerresponsábel do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na comarca da Mariña, Xoán Antón Estúa, acusa ao Partido Popular de “mentir sobre a nova Lei de Augas ao respecto da que, durante a campaña das eleccións municipais, prometeu que non suporía un incremento nos recibos.”
O BNG da Mariña alerta da suba “brutal e desproporcionada” que están a padecer os veciños e veciñas da comarca no recibo a consecuencia da aplicación desta normativa que contempla dous novos tributos: o canon da auga e o coeficiente de vertido, “coa única intención de incrementar a recadación”. Segundo Estúa “estanse a cumprir todos os temores que os nacionalistas xa manifestamos durante o debate e posterior aprobación da nova Lei.”
Na páxina web de Augas de Galiza, ademais de toda a información relativa a aplicación do canon da auga, facilítase unha calculadora do canon que sería innecesaria se a nova lexislación non levara parella a modificación do custo dos servizos aos que se refire esta Lei. Neste senso, o vicerresponsábel do BNG na Mariña lamenta que “ningún discurso do Partido Popular coincida logo coa súa acción de goberno. Os dirixentes populares gobernan instalados na mentira tras a que, xunto coa escusa de recortes que segundo eles son esixidos pola situación de crise, se parapetan para aplicar unha axenda centrada na suba de impostos e o desmantelamento dos servizos públicos.”
A Lei de Augas de Galiza establece para uso doméstico en vivendas con contador, un fixo de 0,5 euros ao mes para consumos iguais ao tramo social e de 1,5 euros ao mes para consumos superiores, mais os tramos de consumo varían en función do número de persoas por vivenda o que quere dicir que o tipo de gravame é progresivo.
 
Tramo de consumo (m³/mes)
Tipo de gravame
Consumo de 0 a 2 * n
0,00 €/m³
Consumo de 2 * n a 4 * n m³/mes
0,28 €/m³
Consumo de 4 * n a 8 * n m³/mes
0,36 €/m³
Consumo superior a 8 *n
0,41 €/m³

Deste xeito, unha vivenda con 3 persoas e un consumo mensual de 15 metros cúbicos pagaría un canon de 4,26 euros ao mes e se na mesma vivenda o consumo fose de 6 metros cúbicos ao mes, pagaría 0,5 euros ao mes e estaría dentro do tramo social. No caso de vivendas baleiras tributan só polo tramo fixo, é dicir, 0,5 euros ao mes; suposto no que se atopan tamén as vivendas de temporada que non superen o tramo social.
En vivendas sen contador, a nova Lei considera que viven 3 persoas e que cada unha consume 151 litros diarios, estimando así que o consumo mensual é de 14 metros cúbicos, o que obrigaría a pagar un canon de 3,90 euros ao mes. Neste tipo de vivendas, se conviven menos de 3 persoas, débese acreditar ante Augas de Galicia, xa que o importe a pagar veríase notablemente reducido, e se a vivenda estivese sen habitar, só se pagaría 0,5 euros ao mes.
Desde o Bloque Nacionalista Galego insisten en que no caso das vivendas do rural, onde a traída é municipal e non se cobra a auga neste momento, págase un canon anual de 46,80 euros, o dobre que en 2012.
Xoán Antón Estúa recomenda aos mariñáns que se informen das bonificacións e exencións existentes, como por familiar numerosa, que reduce o canon ao 50 por cento, ou por usos agrícolas, forestais e gandeiros polos que non se tributan salvo casos de contaminación especial, entre outros supostos.
O Bloque informa, tamén, de que a nova Lei de Augas para usos asimilados aos domésticos non contempla un tramo social, tributándose no tramo fixo do mesmo xeito que os usos domésticos, sendo a cota fixa de 0,5 euros para consumos comprendidos no primeiro tramo e de 1,5 euros si se supera dito tramo máis a cota variábel.

Tramo de consumo
Tipo de gravame
Consumo de 0 a 6 m³/mes
0,28 €/m³
Consumo de 6 a 12 m³/mes
0,28 €/m³
Consumo de 12 a 24 m³/mes
0,36 €/m³
Consumo superior a 24 m³/mes
0,41 €/m³
 

En vivendas e explotacións agrícolas ou gandeiras con un só contador, tamén se considera que na vivenda viven 3 persoas, en caso contrario é importante acreditalo, e que cada unha consume 151 litros diarios o que establece un canon de 3,90 euros ao mes, atribuíndo o resto do consumo á explotación agrícola ou gandeira.

No suposto de vivendas e locais comerciais cun só contador, e tendo en conta que podería ser un uso asimilado ao doméstico (consumo inferior a 2000 metros cúbicos ao ano), non existe tipo de gravame 0 para a vivenda, tributando o primeiro tramo a 0,28 euros metros cúbico, e tendo en conta que os tramos de consumo son dobres, e dicir, os primeiros 24 metros cúbicos, tributaran a 0,28 euros, e así sucesivamente nos tramos seguintes.
 
Para o vicerresponsábel da formación nacionalista na comarca da Mariña é “innegábel que a nova Lei de Auga de Galiza obriga aos veciños e veciñas a pagar moito máis polo seu recibo, nalgúns casos até o dobre do que pagaban antes. Por iso pedimos que o dirixentes do Partido Popular que se cansaron de negar o que agora é unha realidade pidan desculpas publicamente por mentir a todos os mariñáns.”

Exit mobile version