Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG insta aos populares a que aclaren as contas do seu partido na provincia de Lugo

A Mariña, 1 de agosto de 2013. O BNG insiste en que non só as contas do Partido Popular en Madrid están baixo sospeita, senón tamén as do PP en Galiza, posto que foron xestionadas durante moitos anos por Pablo Crespo, un dos principais implicados na trama Gürtel. Neste senso, Ana Ermida, responsábel comarcal da formación na Mariña, explicou que “dúas das construtoras que doaron diñeiro negro ao Partido Popular, segundo aparece reflectido nos papeis do extesoureiro do PP, Luís Bárcenas, participaron, cando menos, nunha adxudicación irregular en Portos de Galicia no ano 2004. Con isto queda demostrado que Feijóo mentiu cando dixo que a trama Gürtel deixara de operar no ano 1999”.

Entre as irregularidades do Partido Popular respecto a este asunto atópase a contrata das obras do Porto de Ribadeo ou da N-642 ao seu paso por Foz. Ámbalas dúas obras foron adxudicadas á construtora Hispanitas, tras un proceso de adxudicación que os nacionalistas califican de “pouco claro”, xa que, saíu elixida a pesares de que as catro empresas candidatas recibiran a mesma puntuación, e agora aparece na relación de presuntas doazóns ilegais de diñeiro en negro incluídas na contabilidade de Luís Bárcenas.

A este respecto, Ermida insistiu en que “Xosé Manuel Barreiro, actual presidente do PP de Lugo, non pode desentenderse deste asunto alegando non saber nada, posto que no momento no que se fixeron estas adxudicacións, actualmente investigadas polo xuíz Ruz, ostentaba o cargo de conselleiro de Medio Ambiente”.

“Dende o Bloque cremos necesario que o Partido Popular debe ofrecer explicacións de forma urxente sobre a financiación do PP lucense, tanto a outras formacións políticas, como á cidadanía, que vive nunha completa incertidume entre todos os rumores verquidos que apuntan á corrupción como modelo económico dos populares. Os cidadáns cada vez son máis esixentes no que á transparencia na vida pública se refire, e esa transparencia require de información, e é por iso polo que dende o BNG esiximos datos enriba da mesa”, concluíu a responsábel comarcal.

Exit mobile version