Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pídelle ao alcalde de Barreiros que atenda á promoción das praias e á súa seguridade e deixe de mentir e disculparse

Barreiros, 2 de agosto de 2013. O BNG de Barreiros califica a actitude do Alcalde Barreiros a respecto das praias e das bandeiras azuis como “unha auténtica tomadura de pelo e un cúmulo de mentiras e desculpas de mal pagador”. Para o BNG “non é de recibo que un alcalde saia a facer un anuncio, como o que fixo Alfonso Fuente esta semana, dicindo que as bandeiras se izarían o 1 de agosto e que, a día de hoxe, aínda estean os areais sen bandeira azul”.

“Esta actitude dá mostra de que o Alcalde de Barreiros está disposto ao que sexa para xustificarse e para non asumir responsabilidades. Ata minte deliberadamente sobre actos que son perfectamente comprobables”, aseguran os nacionalistas. Desde o BNG afirman que “este Alcalde xa nos ten acostumados ás súas mentiras, ás súas desculpas para tapar a súa nefasta xestión e a súa incapacidade á fronte do concello”.

Pero, ademais, advirten os nacionalistas barreirenses “que teña coidado, porque a realidade paralela construída sobre a mentira é moi vulnerable e acaba derrubándose sen remedio.” Neste sentido desde o BNG sinalan as contradicións continuas nas que cae Alfonso Fuente e, “por cinguirnos ao tema, podemos mencionar a que se pode atopar estes días. Segundo di o Alcalde a el o que o preocupa é que as praias estean en correcto estado e coas condicións de seguridade. Pero, por outro lado, recoñece que na praia de Altar non hai aseos ou, o que é peor, que na praia de Coto só hai un socorrista. Esta praia é a que perdeu a bandeira azul xa o ano pasado, pero ese non é o problema. O problema é que, como non ten bandeira azul, non se preocupa de garantir a seguridade nese areal aumentando o servizo de salvamento e socorrismo. Polo tanto, a súa pretendida preocupación pola seguridade dos bañistas queda absolutamente en entredito con esta cuestión, quedando claro que o que o preocupa é cumprir os criterios que marca a ADEAC para a consecución das bandeiras azuis e non a seguridade das persoas bañistas”.

Para o BNG “nunca foi prioritario a consecución ou non destes galardóns, aínda entendendo e compartindo a repercusión positiva que poden ter a nivel de promoción turístico; senón que o prioritario é que haxa unha política de promoción turística e de posta en valor do litoral e que as praias de Barreiros sexan seguras e estean nas condicións óptimas de uso, con galardón ou sen el. Barreiros goza dunhas das mellores praias do litoral galego e do Estado e non podemos permitirnos que a ineptitude de quen nos goberna supoña que todos os veráns os areais barreirenses sexan foco de atención pola súa incompetencia”.

“En todo caso, se o concello aposta por este distintivo, e quere utilizalo para a súa distinción e como única promoción turística, terá que facer o esforzo de cumprir cos requisitos”, sinalan desde o BNG.

O BNG require dilixencia da ADEAC
Os nacionalistas tamén lle piden á ADEAC e, en especial ao seu vicepresidente, José Palacios “que mostre a mesma premura e dilixencia que mostrou hai uns meses para poñerse do lado do concello e atacar as declaracións do BNG a respecto da ordenanza de praias, por certo, con medias verdades e medias mentiras. Por iso lle piden que, se tanto o preocupa a promoción do litoral barreirense, axilice a recolocación das bandeiras azuis para as praias que cumpran coa normativa”.

Desde o BNG conclúen con unha reflexión a respecto deste tema: “ténsenos negado a evidencia moitas veces e acusado de mentirosos e de querer chamar á atención. Desde logo, con este tema ficou ben claro que neste concello alguén mentía e alguén, simplemente, poñía datos e feitos derriba da mesa. Cada quen que saque as súas conclusións”.

Exit mobile version