Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo acomete obras no Pepe Barrera

Ribadeo, 27 de agosto de 2013. O Concello acomete estes días obras de mellora e mantemento no campo de fútbol municipal Pepe Barrera. O investimento ascende a uns 27.000 euros, segundo explicaba esta mañá o concelleiro de Deportes, Vicente Castro.

O edil nacionalista sinalou que “hai uns días iniciamos unha obras de reposición estética do interior do Pepe Barrera, que consisten no picado dos cales en todo o muro exterior pola parte de dentro para facer un lucido novo e pintado. É como lavarlle a cara internamente ao Pepe Barrera. Son obras de mantemento. Ao mesmo tempo tamén vamos tirar unha parte do muro próximo á piscina, que se atopa nun estado calamitoso dende hai anos, o que nos vai permitir gañar espazo polo camiño exterior que vai ata a entrada do pavillón do centro educativo Porta da Auga”.

Castro engadiu que “tamén vamos resolver un problema que xa é endémico, que ten que ver coa evacuación de augas na esquina do campo próxima á piscina para a rede de sumidoiros da rúa Pintor Fierros. Con estas obras contamos resolver parte da acumulación de auga no Pepe Barrera, solucionar a situación do muro da esquina entre a tribuna e a piscina e ofrecer unha imaxe máis moderna e acorde co que é o campo Pepe Barrera no seu interior”.

O concelleiro de Deportes subliñou que “en anos vindeiros trataremos de facer o mesmo pola parte exterior. Trátase de pouco a pouco ir adaptando o estadio Pepe Barrera ás circunstancias do momento e poñendo ao día un campo tan tradicional e coa historia que ten”.

O presuposto é duns 27.000 euros. “Evidentemente cando se inician obras deste tipo, sobre todo no que se refire á parte do muro que se atopa en tan mal estado, sempre poden xurdir cousas novas; de feito xa houbo que modificar a zapata e o muro base para adaptalo aos niveis do campo. E tamén poden aparecer algunhas outras cousas, como de canalización de augas ou de electricidade para as torres de luz, que nos obriguen a facer algunha modificación. Pero no básico trátase de que o peche do campo quede consolidado, tanto na súa estrutura como esteticamente”, indicou Vicente Castro.

O edil de Deportes estima que as obras estean rematadas no mes de setembro, “salvo que xurda algún problema”.

Exit mobile version