Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Riotorto executa obras por unha cuantía de 41.000 euros financiadas na súa totalidade pola Deputación

O Alcalde de Riotorto, o nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, anunciou que o Concello está a acometer obras de conservación e mantemento na rede viaria e sendas verdes por unha cuantía de de 41.000 euros, cantidade que foi xestionada pola equipa de goberno diante da Deputación Provincial e que significa que a totalidade das obras están a ser financiadas con recursos alleos ó concello, e o que é o mais importante, que estas obras non lle custan un so euro o conxunto dos veciños de Riotorto. O Goberno de Riotorto entende que unha función central do mesmo, ao igual que da maioría dos concellos de Galiza que para o seu funcionamento precisan de fondos externos, é ser capaces de xestionar investimentos diante doutras administracións.

O Goberno Municipal de Riotorto móstrase satisfeito de que o groso das actuacións, particularmente aquelas de carácter estratéxico que se acometen en Riotorto, proveñan de recursos doutras administracións. Neste sentido dóenos a racanería da Xunta de Galiza con Riotorto, unha racanería que non se limita á ausencia de investimentos senón que se concreta nun castigo permanente ao noso concello polo que lamentamos que todo o espíritu reivindicativo que manifesta de cando en vez o Partido Popular de Riotorto se limite a reñer co veciño e non se dirixa a reivindicar actuacións en Riotorto diante do “goberno amigo”. Nada máis propio daqueles educados na cultura de “sumisos cos fortes, tiranos cos débiles”. O investimento ó que nos estamos referindo é resultado da xestión dunha equipa de goberno formada por dúas forzas políticas distintas pero unidas ó redor dun programa, Riotorto. Trátase dun goberno que traballa en equipo no que cada quen ten as súas funcións e no que por suposto non se estilan navalladas polas costas como as que se estilan no Partido Popular á hora de escoller deputado provincial, algo que tan ben coñece o presidente do PP en Riotorto, Clemente Iglesias, que despois de encabezar unha candidatura coa condición de que se non salía eleito alcalde o PP nomearíao deputado provincial, para rematar sin silla e sin posto.

Para rematar, Gutiérrez Estoa lamenta que o Partido Popular se autoexclúa da xuntanza de portavoces convocada por este alcalde para mañá mércores co fin de tratar a problemática da residencia da terceira idade, porque cando estamos falando de temas importantes para Riotorto deberiamos deixar aparte o que son intereses partidarios e poner por riba os intereses do noso concello. O PP coa súa autoexclusión demostra sen dúbida que é o que lle importa realmente.

Exit mobile version