Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello despide a Waara e Bachrir despois de dous meses de vacacións en Cervo

despedida_saharauis (1)Cervo, 28 de agosto de 2013-A Concellería de Servizos Sociais que dirixe Pilar Armada organizou no día de hoxe un acto de despedida para os nenos saharauís que pasaron as súas vacacións estivais en Cervo. Un encontro no que participaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Servizos Sociais, os nenos Waara e Bachrir así como as súas familias de acollida en Cervo.

Esta despedida foi un acto emotivo xa que marca a etapa final da estancia dos dous saharauís no municipio, xa que os pequenos aínda permanecerán coas súas familias de acollida uns días máis. “A despedida sempre é dura, e nestes casos especialmente, xa que ambas familias de acollida levan recibindo a visita de Waara e Bachrir varios veráns seguidos” explica Armada.

En concreto, Waara xa é a segunda vez que pasa as súas vacacións en Cervo mentres Bachrir acode por cuarto ano consecutivo. Ao mesmo tempo, ambas familias de acollida son habituais deste programa titulado “Vacacións en paz” que promove a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e co que colabora o Concello de Cervo facendo unha importante achega económica coa que fai posible a viaxe dos pequenos. Unha colaboración que está plasmada nun convenio subscrito entre ambas entidades dende hai nove anos.

Durante o acto de despedida, alcalde e concelleira fixeron entrega de agasallos aos nenos e aproveitaron para agradecerlles ás familias de acollida a “xenerosidade e sensibilidade coa que abriron o seu fogar a un membro máis durante os meses do verán”, asegura Armada, que destaca que esta iniciativa sae adiante coa unión dos esforzos da asociación, as familias e o Concello. Ambos representantes interesáronse por coñecer os detalles da súa estancia e desexáronlles unha feliz viaxe de volta ás súas casas.

Exit mobile version