Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo reúnese con responsables das madeireiras que se comprometen a reparar os camiños afectados pola actividade

reunion_maderistasCervo, 13 de agosto de 2013-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Zona Rural, José Ramón Soto, reuníronse esta semana con responsables de sete empresas madeireiras para poñer solución ás pistas e camiños do municipio afectados polos diferentes traballos de extracción e traslado de madeira.

En concreto asistiron a esta xuntanza os representantes de Ence, Edelmiro López S.L., Trobis, Maderas Patricio S.L., Díaz-Ramos S.L., Rubal S.L. e Villapol S.A. Unhas empresas que se comprometeron a facerse cargo da reparación e arranxo das vías que resultaron danadas e deixalas en bo estado. Uns traballos que, tal e como lembrou o rexedor, “é necesario acometer con urxencia, especialmente tendo en conta a proximidade da época de chuvias”.

Ao mesmo tempo, nesta reunión ambas partes chegaron a un acordo para facilitar o traballo das empresas de recollida e transporte de madeira. Para iso, a administración local comprometeuse a estudar a posibilidade de poñer a disposición dos madeireiros varia áreas para o almacenamento das cortas. Estes lugares estarían situados en zonas de entre camiños de titularidade pública nos que a única tarefa do Concello sería permitirlles depositar a madeira.

O mandatario cervense destacou a boa disposición dos asistentes á reunión para restablecer as pistas e manifestou a importancia de “manter estas vías de diálogo para, entre todos, conseguir que unha actividade económica como a explotación da madeira, con peso no noso municipio, sexa compatible co bo uso e estado das estradas e demais espazos comúns”.

Exit mobile version