Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno burelés aclara que a información turística ós visitantes se ofrece dende as oficinas da Casa do Concello

Burela, 8 de agosto de 2013. O equipo municipal de goberno en Burela aclara que a información turística ós visitantes estase dando nas oficinas da Casa do Concello. Ademais explica que están facendo presentacións de actividades en Lugo para divulgalas a nivel provincial sen custe algún para o Concello.

O goberno local de Burela explica que “é mentira que non se lles dea información ós visitantes, porque estase facendo desde as dependencias da Casa do Concello. O PSOE di que temos a oficina de información cerrada, iso é certo e evidente, pero séguese dando información turística desde a Casa do Concello en horario de oficina”.

“O punto de información está pechado porque se entende que os concellos actualmente só poden contratar persoal para os servizos esenciais, que son servizos sociais, educación e seguridade cidadá. Isto non é un servizo esencial e polo tanto nosoutros estamos cumprindo a lei. No momento en que se nos conceda unha subvención finalista evidentemente abriríamos de novo a oficina de turismo”, engade o equipo de goberno.
Os gobernantes municipais tamén sinalan que “a promoción turística de Burela que se fai é a que nestes momentos se pode facer e iso sábeno perfectamente tamén os propios hostaleiros. En concreto, as presentacións que se levan feito en Lugo capital teñen como obxectivo precisamente facer unha divulgación e unha difusión dentro do ámbito provincial do que hai en Burela. Por certo, para o coñecemento da poboación en xeral, as presentacións en Lugo, que se fan nun restaurante, sáennos gratis para o Concello. Non sabemos se o PSOE actuaría igual, porque ó mellor había que pagarlle algo a alguén”.

E rematan comentando que “se a Deputación tivese unha política turística activa ó mellor podería conceder algún tipo de subvención ós concellos, xa non soamente para a contratación de persoal, que tamén, senón para elaboración de material divulgativo. E de momento aquí o importe que se ten concedido por parte da Deputación ó Concello de Burela para isto é cero euros. Polo tanto o que está claro é que o PSOE fala de oídas, sente campás e non sabe onde e non se decatan de nada”.

Exit mobile version