Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno burelés móstrase satisfeito coa marcha deste 2013 a nivel económico no Concello

Burela, 13 de agosto de 2013. O equipo de goberno está satisfeito coa marcha deste 2013 a nivel económico no Concello de Burela, que só ten a día de hoxe menos de 600 euros pendentes de pago a provedores correspondentes a facturas rexistradas no propio Concello. O dato dábao a coñecer este martes o concelleiro de Economía, José Casas, que destaca o esforzo que se está a realizar para que isto sexa así.

O edil popular subliña que “a día de hoxe só temos pendente de pagar deste ano 595,54 euros en facturas rexistradas no Concello. Os ingresos deste 2013, incluíndo as aportacións do Estado e da Xunta e os impostos municipais, ascenderon, ata o momento, a 3.428.305 euros e os gastos abonados a 3.572.276 euros. Con estes datos o que lle queremos dar a coñecer á poboación é que no Concello de Burela estamos a pagar practicamente ao día. Pode ser nalgún que no futuro se poida producir algún problema de liquidez puntual, pero ata o día de hoxe estamos abonando con rapidez as facturas aos provedores que traballan co Concello burelés”.

José Casas considera que “os veciños e as veciñas de Burela deben saber que é o que fai o Concello cos seus impostos. No equipo de goberno estamos satisfeitos coa marcha deste 2013 a nivel económico. Estamos a cumprir coas nosas obrigas e estamo pagando puntualmente. Non queremos ralentizar a actividade dos autónomos e das pequenas e medianas empresas que traballan co Concello. Pagando axiña o que queremos é axudarlles inxectándolles liquidez, algo que axudará ao mantemento dos postos de traballo desas empresas”.

O concelleiro de Economía agarda que “durante os vindeiros meses poidamos seguir afrontando o pago a provedores a este ritmo, porque iso será positivo para todos. Poderá haber, como dicía, momentos puntuais de falla de liquidez, pero traballaremos para que sexan os menos”.

Exit mobile version