Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal de Mondoñedo explica que “presentar o Mercado Medieval agora, responde a unha decisión sopesada do goberno municipal”

O equipo de goberno de Mondoñedo responde ás acusacións do PP sobre a presentación do Mercado Medieval argumantando que:

1º.- O mercado medieval de Mondoñedo é o máis antigo de A Mariña e está consolidado como un referente no ámbito galego, provincial e comarcal.

2º.- Unha presentación máis anticipada ficaría diluida e esquecida entre a cantidade de eventos que teñen lugar na comarca de A Mariña nesta época do ano; polo que o goberno municipal tomou a decisión de presentar, divulgar e promocionar a XXII edición do Mercado Medieval nas proximidades da súa celebración, utilizando para isto diversos medios como distribución de cartaces e programas polas localidades da provincia e comarca, cuñas publicitarias, anuncios en prensa, etc.

3º.- O convenio asinado coa Deputación de Lugo para o proxecto “ Plan de Acción Turística” contempla unha subvención de 77.500 € para o exercicio 2013, cantidade que vai destinada a sufragar costes derivados do servizo de visitas guiadas ás covas do Rei Cintolo, XXII edición do mercado medieval e para desenvolver cinco liñas de actuación prioritaria do Plan Estratéxico do Turismo de Mondoñedo. O convenio é froito das xestións do goberno municipal coa área de cultura e turismo da Deputación de Lugo, cuxo compromiso merece o noso agradecemento. Sentimos non poder dicir o mesmo de outras administracións públicas.

4º.- Este goberno municipal traballa con feitos , “non de boquilla”, e de xeito planificado no desenvolvemento das directrices do Plan Turístico de Mondoñedo e ten un claro compromiso na dinamización deste sector.

5º.- Os populares mindonienses minten sen ningún rubor cando afirman que o Alcalde de Mondoñedo chegou a pór en perigo a celebración das feiras de As San Lucas. Esta aseveración non ten fundamento, pero xa sabemos que o papel o aguanta todo…, incluidas as infamias dos resentidos/as.

6º.- O goberno municipal agarda que o PP deixe de distorsionar a realidade pois o único traballo que está a facer consiste en difamar pensando moi pouco na xente voluntaria e no traballo desinteresado de todos/as os/as colaboradores/as do Mercado Medieval, traballo fundamental para o éxito e a continuidade do mesmo e que require de reforzos. Os populares de Mondoñedo no canto de darlle tanto ao pico podían “dar o callo“ nos traballos do mercado. O pobo de Mondoñedo o agradecería.

Exit mobile version