Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP instará á Deputación a que cree unha liña específica de axudas para colaborar coas Festas de Interese Turístico

Lugo, 26 de agosto de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo anunciou hoxe que presentarán para a seu debate na próxima sesión plenaria unha iniciativa na que instarán á Deputación de Lugo, e en concreto ao presidente José Ramón Gómez Besteiro, así como ao BNG no ente local, –responsables da área de Cultura, Turismo,- a que creen unha liña de axudas que teñan por obxecto o apoio, a promoción e a difusión ás festas declaradas de Interese Turístico de Lugo.

Os populares tachan a José Ramón Gómez Besteiro, a Antón Veiga e a Mario Outeiro de ter “demasiada cara” e criticar, baseándose en mentiras, –matizan os populares–, a outras administracións de non colaborar con estes eventos, cando, nin tan sequera, dende o ente provincial contan cunha convocatoria específica de axudas, que cumpran os principios que eles mesmos demandan (transparencia e universalidade), e dirixida especificamente a colaborar con este tipo de festas.

Ante esta situación, o Grupo Provincial do Partido Popular censura a “inoperatividade” do goberno que dirixe Gómez Besteiro que se adica a “botar balóns fóra” e denunciar a outras administracións cando a colaboración do ente con estas festas de interese turístico se remite a pequenas aportacións económicas con algúns dos festexos a través da liña de axudas de cultura.

Os populares pídenlles ao goberno bipartito da Deputación Provincial de Lugo que demostren o seu compromiso coas críticas que denuncian e, tendo en conta que dispoñen de dotación orzamentaria suficiente, pasen a “acción” e garantan a colaboración anual con cada un dos concellos ou entes organizados das 22 festas lucenses catalogadas como de interese turístico.

Polo tanto, o GPP esíxelle unha vez máis a Gómez Besteiro e a Antón Veiga que analicen primeiro a “súa casa e polo tanto a súa xestión” antes de criticar outras xestións, como é a da Xunta de Galicia, que tal e como recolle o DOG do 13 de maio de 2013, conta cunha liña de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión ás festas declaradas de interese turístico en Galicia.

Os populares resaltan a importancia desta iniciativa plenaria, da que non se entendería o voto en contra da Deputación logo das declaracións de apoio a estes eventos “de gran importancia histórica e turística”, analizan os populares, e que “permiten a dinamización turística local”, matizan.

Polo tanto, dende o Grupo Provincial Popular reivindícalle ao goberno provincial que poña de manifesto este interese a través de accións directas que permitan a promoción destas festas e atendan a todos os eventos sen discriminacións políticas. Así, os populares resaltan a necesidade de que a Deputación cree unha liña de axudas para o fomento destes eventos, de relevancia histórica e turística, e que permiten a dinamización económica da provincia

Exit mobile version