Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP trasladará aos tribunais para que se depuren responsabilidades

Lugo, 22 de agosto de 2013.- Tralas afirmacións recollidas hoxe nos medios en relación á trama de traballadores provinciais liberados ao servizo do BNG, o Grupo Provincial do PP poñerá esta situación en coñecemento dos tribunais para que se depuren responsabilidades.

No informe ao que se refiren os medios, o GPP explica que se recoñece a existencia de erros na denominación por decreto de catro traballadores provinciais, adscritos a unha área de goberno mentres realizaban labores ao servizo do BNG.

Os populares tachan de incuestionable tanto a existencia destes erros, como que os pagos dos salarios destes traballadores os realiza a Deputación, do contrario, os populares ínstanos a que presenten unha nómina.

A maiores, o GPP censura que quede información moi importante sen aclarar sobre onde prestan os seus servizos estes catro traballadores. Dende o Grupo Provincial Popular botan de menos puntualizacións sobre que os catro empregados estean nos seus concellos ofrecendo funcións ao partido político, como é público e notorio na gran maioría dos casos, no lugar de cumprir cos seus deberes recollidos no nomeamento.
Feito que leva un mes denunciando o Grupo Provincial do PP, xa que se pode estar ante unha circunstancia que pode chegar a ser constitutiva dun delito de malversación de fondos. Independentemente de estar adscritos a área de goberno ou ao grupo, o que está claro, matizan os populares, é que están cobrando por uns servizos que non prestan, puntualizan.

Polo tanto, o Grupo Provincial do Partido Popular asegura que este informe confirma a existencia desta situación irregular durante dous anos, dende a publicación dos nomeamentos de Xesús Méndez Rodríguez, Emilio López, Ricardo Rodicio e Xoán Antón Estúa. Asemade, do citado escrito despréndese que foi a raíz das denuncias do Grupo Provincial do PP, tanto a través dos medios como mediante a presentación dunha pregunta plenaria, cando dende a Deputación revisan os citados nomeamentos.

O GPP pide explicacións sobre a localización onde se prestaban os servizos
O GPP tamén censura que o informe non explica un dato importantísimo, -aseguran-: onde prestan os seus servizos os catro traballadores adscritos segundo o primeiro nomeamento a área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo.

Os citados traballadores forman parte do persoal eventual do organismo provincial, porén en ningún momento, segundo explican dende o Grupo Provincial do PP, se puntualiza no informe sobre a legalidade de que estes traballadores desempeñen os seus servizos nas sedes do BNG da provincia, situación que na maioría dos casos é pública e notoria.

Tanto antes, cando estaban adscritos a unha área de goberno, como agora que tras a corrección de erros dependen do Grupo Provincial, o que está claro, segundo explican os populares, é que os salarios corren a cargo das arcas públicas provincias.

E polo tanto, dende o Grupo Provincial do PP matizan que os salarios que perciben os integrantes da trama de asesores os aboa a Deputación, mentres é coñecido por todos que as funcións políticas que realizan nos seus municipios non permite a compatibilidade coa súa xornada laboral.

En resume, os populares censuran que este informe que recoñece a existencia de erros, non explique o traballo desempeñado polos catros traballadores e que, polo tanto, os populares se verán obrigados a poñer en coñecemento dos tribunais para que se depuren responsabilidades.

Exit mobile version