Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial Popular detecta unha trama con traballadores liberados ao servizo do BNG pero que percibía un salario como persoal das áreas de goberno da Deputación

Lugo, 2 de agosto de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular vén de detectar o que cualifica como unha trama con traballadores liberados ao servizo do BNG pero que viña percibindo un salario como persoal adscrito a unha área de goberno da Deputación. Unha flagrante irregularidade pola que se estaría a pagar con diñeiro público a persoas que non realizaban as funcións polas que foron contratadas, senón que traballaban para o formación política nacionalista.

A mesma situación na que estaba Xoán Antón Estúa -e que foi denunciada nas pasadas datas- afecta a outras tres persoas que durante toda esta lexislatura formaba parte do persoal de confianza contratado para a área de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico da Deputación pero, en realidade, realizaban funcións estritamente partidistas, de carácter orgánico, para o BNG.

Os populares achegan as resolucións de nomeamento destas catro persoas –Xoán Antón Estúa, Xesús Méndez Rodríguez, Emilio López e Ricardo Rodicio González- que recibían un soldo como traballadores eventuais da área de Cultura pero en realidade prestaban os seus servizos para a formación nacionalista, incluso facéndoo desde os concellos nos que residen, lonxe das instalacións da Deputación na cidade de Lugo.

O Grupo Popular explica que logo das denuncias que eles efectuaron respecto da situación de Xoán Antón Estúa (formulando incluso unha pregunta no pleno provincial sobre esta cuestión) a Deputación pretendeu emendar esta irregularidade a través dunha publicación dunha corrección de erros. Un trámite, que afecta a estas catro persoas (acompañamos BOP) e que chega ademais cos dous anos de atraso e no que pretenden achacar a un erro a súa adscrición a área de goberno, para dicir agora que forman parte do Grupo Provincial do BNG.

CONCELLEIROS OU DIRIXENTES ORGÁNICOS
Afondando na cuestión, dáse a circunstancia de que cada un destes liberados a soldo da Deputación pero ao servizo do BNG teñen postos de relevancia orgánica dentro da formación nacionalista.

Emilio López Pérez, coñecido como Milucho, foi un alto responsable provincial no goberno bipartito da Xunta, onde realizou tarefas como Delegado provincial da entonces consellería de Medio Rural. Aínda que debera traballar como administrativo da área de Cultura faino para o BNG.

Ricardo Rodicio González, debería ser un administrativo eventual da área de Cultura, tal e como reflicte o seu nomeamento, pero en realidade exerce a súa función como concelleiro nacionalista na Pobra, onde pasa gran parte do seu tempo, feito incompatible coa xornada laboral oficial.

Xesús Menéndez Rodríguez, segundo o seu nomeamento é auxiliar de apoio da área de Cultura, pero en realidade prestaba os seus servizos ao BNG e forma parte da dirección das plataformas de afectados polas preferentes ademais de desenvolver o seu traballo como concelleiro nacionalista en Navia de Suarna (hoxe sen representación).

Xoán Antón Estúa é, como xa se indicou, é concelleiro en Cervo. Aínda que debera traballar para a área de Cultura da Deputación como administrativo estaba a facelo na sede do BNG en Foz, a case cen quilómetros de Lugo.

Os populares sinalan como responsable directo desta situación ao Vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Veiga, que actuou co amparo do presidente provincial, Jose Ramón Gómez Besteiro.

Exit mobile version