Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno extraordinario solicitado polos populares de Riotorto para garantir unha residencia para a localidade celebrarase mañá

Riotorto- 29 de agosto de 2013.- O pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular de Riotorto para evitar que o equipo de goberno local renuncie á construcción da residencia da terceira idade e centro de día no municipio celebrarase mañá, ás 12:30 horas, na casa consistorial da localidade.

Segundo explican os populares, a súa formación recorreu á celebración do pleno para coñecer as pretensións do nacionalista e tentar que traballe para que non se perda a dotación orzamentaria para a residencia de Riotorto. Así, a normativa facultaba aos concelleiros populares, que forman parte do grupo máis votado no concello, a realizar esta solicitude e o alcalde estivo obrigado por lei a convocar esta sesión extraordinaria que de xeito monográfico tratará esta cuestión

Durante a celebración plenaria, os populares pedirán explicacións ao rexedor nacionalista, Federico Gutiérrez Estoa, quen está a “antepoñer intereses partidistas ao ben do conxunto dos veciños”. En concreto, o grupo municipal popular buscará respostas en relación “as mentiras e falta de xestión”, do nacionalista que, segundo lembran os populares, “non foi quen nin de adquirir un solar para a súa edificación”.

Os populares seguen a manter a súa sospeita sobre a existencia dun pacto dentro do BNG para que o investimento previsto na residencia de Riotorto se traslade e beneficie a outro concello da Mariña.
Neste senso pediranlle ao rexedor local que “se mova” e que sexa quen de mostrar “capacidade para esixir que a Deputación cumpra cos compromisos que adquiriu en Riotorto, neste caso, achegar o financiamento necesario para a construción da residencia e centro de día”.

Durante a sesión plenaria quedará patente quen aposta ou non pola residencia e centro de día e lamentan que se intente culpabilizar a outras administracións como á Xunta a que nin tan sequera teñen consultado sobre a procedencia deste tipo de instalacións.

O voto favorable á proposta dos populares permitiralles demostrar se están a favor deste investimento e comprometéndose, polo tanto, a realizar as xestións que sexan oportunas para manter, impulsar e executar o proxecto de apertura dunha residencia para persoas maiores en Riotorto, achegando a subvención comprometida pola Deputación.

Exit mobile version