“Posto que o Equipo de Goberno da Deputación de Lugo incumpre a normativa en vigor e falta á verdade nun área tan sensible e importante, presentaremos en todos os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, mocións, instando á Deputación de Lugo a que cumpra a normativa social e proceda de xeito inmediato a completar as de axudas que resolveu recentemente e que veñen a cubrir unha media do 17% do servizo”- manifestou Elena Candia.
A DEPUTACIÓN RENUNCIA AO CONTRATO DE OBRA EN PORTOMARÍN: nin leva a cabo o pavillón neste concello, nin cumpre co decreto de servizos sociais
A voceira dos populares na Deputación de Lugo lembrou que o goberno provincial, malia a facer unha modificación orzamentaria na Xunta de Goberno do 11 de maio de 2012, non cumpre o decreto de servizos sociais
“O equipo de goberno da Deputación de Lugo renunciou a celebrar un contrato de obra en Portomarín, por un importe de 1.075.000 (compromiso adquirido) para destinar este diñeiro a servizos sociais e sen embargo, en maio de 2012, aprobou unha modificación orzamentaria, destinando 1.094.000 euros a benestar”- lembrou Elena Candia, quen denunciou que isto que deu lugar a que nin Portomarín conte co pavillón, nin que o Organismo provincial cumpra o decreto de servizos sociais.
A popular denunciou que a Deputación de Lugo non renuncia a empregar aos máis necesitados como instrumento político e négase a colaborar coa Xunta de Galicia
“Néganse a colaborar coa Administración Autonómica, cando as outras tres Deputacións galegas sí asinan o convenio”- lembrou Candia, quen tildou de escusas os argumentos manifestados polo ente provincial.
ANTONIO VEIGA, CÓMPLICE
Elena Candia responsabilizou a Antonio Veiga, que coa complicidade necesaria de Gómez Besteiro, incumpre, falta a verdade e utiliza politicamente aos máis necesitados.
“Hai varios datos económicos que respaldan estas críticas. Mentres que en áreas de goberno gastan por riba do que teñen, ata un 21%, en benestar, no ano 2011, deixa máis de 140.000 euros sen executar do que tiña dispoñible”- criticou a popular, quen engadiu que a maiores existe outro dato incomprensible: non se entende que un concello “gobernado polo BNG reciba unha subvención excepcional por importe de 60.000 euros para desenvolver actividades de entretemento, cursos de lecer e tempo libre, cantidade que non dan superado o que reciben 17 concellos para financiar un servizo obrigatorio, pois queda claro que a implicación no financiamento do servizo de axuda no fogar básico da Deputación de Lugo non é unha opción, senón unha obrigación”
INICIATIVAS POPULARES
Elena Candia lembrou que ante esta situación os populares levan adoptando moitas iniciativas.
“Entre outras, a sesión plenaria provincial de marzo de 2013, onde esiximos o cumprimento do decreto 99/2012, así como a habilitación dunha liña de axudas a servizos sociais públicos: unha liña de réxime de libre concorrencia ou a presentación de alegacións aos orzamentos do 19 de decembro e incluso a interposición dun recurso contencioso administrativo aos orzamentos do 2013, sendo este incumprimento unha das razóns fundamentais esgrimidas”.
A popular agradeceu a compañía dos coordinadores territoriais, unha presenza segundo Candia “mostra a unidade e contundencia do PP de Lugo e do Grupo Provincial Popular en denunciar os incomprensibles incumprimentos da Deputación provincial de Lugo en materia de servizos sociais.
CONTEXTUALIZACIÓN DA NORMATIVA
A Lei de servizos sociais foi aprobada polo goberno bipartito no ano 2008 e pretendía dar un novo escenario na regularización dos servizos sociais e acadar un gran pacto social a favor dos máis desfavorecidos, impoñendo unhas obrigas económicas a tódalas administracións: Xunta, Deputacións e concellos para que reservaran unha porcentaxe dos seus orzamentos.
Esta regularización queda perfeccionada continuando cos principios que instala a lei, no decreto de servizos sociais 99/2012 de 16 de marzo que establece que para os concellos de menos de 20.000 habitantes as deputacións provinciais financiarían maiormente o servizo de axuda no fogar básico e a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.