Site icon Crónica3.com A Mariña

O propio Xosé Luís Maseda está a recoñecer coas súas declaracións que Ricardo Rodicio non cumpre co emprego polo que percibe un soldo público da Deputación de Lugo

Pobra de Brollón, 29 de agosto de 2013.- O Partido Popular de Pobra de Brollón explica que as declaracións postas de manifesto a través dos medios de comunicación polo rexedor local, o nacionalista Xosé Luís Maseda, só veñen a verificar que o edil non está a cumprir co seu horario laboral na Deputación Provincial de Lugo, mentres percibe un soldo do ente, sufragado por todos os lucenses.
Os populares da Pobra de Brollón non deixan de amosar a súa sorpresa ante as palabras do alcalde ao ser quen de dicir onde debe ou non debe prestar os seus servizos un asesor da Deputación Provincial de Lugo. A formación popular censura que o propio rexedor sexa quen de xustificar esta actitude e asegurar que a xente que cobra da Deputación pode facer o seu traballo onde o desexe o seu partido.
Dende o Partido Popular da Pobra de Brollón lamentan que Xosé Luís Maseda faga uso da súa autoridade de tal forma que estea a liberar ao seu servizo un traballador que percibe un salario da Deputación, pero que a diario está a prestar o seu asesoramento tanto ao grupo municipal do BNG na Pobra de Brollón, como ao partido comarcal, ao ser coordinador de Lemos.
Os populares lembran que este feito era coñecido por todos os veciños, ao ser o traballo do edil no concello incompatible coa súa xornada laboral na Deputación; sen embargo, advirte agora o PP que as propias palabras do alcalde nacionalista poñen en evidencia, segundo o propio rexedor, que un traballador da Deputación pode prestar os seus servizos onde o requira a formación política a que pertence.

Censura do uso dos recursos públicos

Os populares da Pobra de Brollón explican que o seu partido, coa información na man, está a censurar o uso que se lle está a dar a uns recursos públicos, que aportan todos os lucenses, e que están percibindo traballadores sen realizar as funcións para as que foron designados.
Porén, reinciden dende o PP da Pobra de Brollón que en ningún momento o noso grupo faltou á honorabilidade de ningún traballador, senón que soamente está a denunciar unha situación que é pública e notoria.
O que os populares critican non é que perciban un salario do ente provincial, -algo que é de todos sabido-, senón onde prestan os seus servizos este persoal adscrito a unha área de goberno ou a un grupo político da Deputación de Lugo.
Os populares pregúntanse que se o edil de Pobra de Brollón está prestando o seu servizo no concello, “que administración debería ser a que sufragara este soldo? “, expoñen. Sabemos que a Ricardo Rodicio lle paga a Deputación, polo tanto debe ofrecer os servizos que lle designan no seu nomeamento, matizan dende o PP municipal.
En resumo, o PP da Pobra de Brollón reproba que un asalariado da Deputación non chegue a pisar as dependencias provinciais por prestar os seus servizos ao BNG. Estes feitos, segundo os populares, son “os que denostan a política e a imaxe dos seus traballadores”, non a realización da labor de oposición, que é o que está a facer o PP.

Exit mobile version