Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG cualifica de “burla” o enésimo anuncio da Xunta sobre o acceso ó porto de Burela “tras 4 anos de promesas incumpridas”

O PSdeG cualificou este martes de “burla” o enésimo anuncio que a Xunta fixo sobre a vía de acceso ó porto de Burela, situando esta vez no ano 2014 a data de licitación da obra. “O proxecto leva paralizado dende a chegada de Feijóo ó Goberno galego no 2009. Son catro anos de continuas promesas incumpridas, polo que este Executivo de dereitas xa non ten credibilidade algunha. É todo un engano, un pitorreo que o Partido Popular lle está a facer con total descaro a tódolos veciños de Burela dende que goberna”, explicou o voceiro socialista no Concello mariñán, Alfredo Llano García.

Só como exemplo destes “flagrantes incumprimentos”, o tamén deputado provincial lembrou que a Consellería de Infraestruturas “falaba a principios de 2011 de que as obras se retomarían no 2012, aínda que uns meses despois recoñeceu que non terían a consignación necesaria nos Orzamentos da Xunta dese exercicio, algo que tampouco ocorreu neste 2013. Por que agora temos crer que o farán en 2014? Non temos ningunha razón para confiar na palabra do señor Feijóo e o seu goberno”.

O socialista esixiu deste xeito ó PP que, “en vez de falar e anunciar cada 3 meses o inicio das obras, actúe e acometa un proxecto que resulta vital para o futuro de Burela, e que é moi demando polos veciños”, pois a vía absorberá todo o tráfico portuario xerado polo peirao, un referente pesqueiro no Cantábrico e un dos que rexistra un maior volume de operacións de entre os adscritos á comunidade autónoma galega.

“Fracaso do Goberno local”
A paralización da estrada de acceso ó porto burelés, indicou Llano, “deixa tamén en moi mal lugar ó Goberno local de José María González Barcia, revela o seu pouco ou nulo peso político”, pois en todo este tempo “non foi capaz de desbloquear as obras. Este é un dos seus moitos fracasos”.

“A Xunta discrimina á provincia
Este “grave incumprimento” da dereita galega coa Mariña súmase a outros que acumula na comarca, como a ampliación do Hospital da Costa, “que Feijóo anunciou ata en 5 ocasións e do que nada se sabe”, ou a construción do corredor da Costa de Ferrol a San Cibrao, “unha infraestrutura estratéxica para á que nin sequera teñen data de finalización”, lembrou o voceiro burelés do PSdeG, indicando que “tamén é fume a tan cacareada nova gardería de Burela que Feijóo anunciou o pasado ano, pois, como o propio goberno local recoñeceu, non dispoñen dos terreos”, asegurou o socialista. A discriminación que sufre a Mariña por parte da Xunta, engadiu, “é unha mostra máis da que padece toda a provincia de Lugo co peche de unidades escolares no rural ou a falta dos servizos básicos de Hemodinámica e Radioterapia no HULA”.

Exit mobile version